É curioso que con isto que sucede en Cataluña, o do “procés”, aproveiten e estean dando un aviso para navegantes. Si, o nacionalismo español segue a botar culpas a quen non as ten, a quen nunca as tivo, entre outras cousas porque non tiña poder para facelo. As cousas son claras xa desde hai tempo anque o relato que dean sexa distinto. O invasor é precisamente ese pensamento único e unitario que por riba, faise a vítima, e chega a dicir que se persigue o español nas comunidade que temos lingua propia. Dese mesmo vitimismo son as afirmacións esteparias de quen decreta repartos de ladrón. Si, aqueles que nos reparten o propio e nos obrigan ao alleo nun cómputo que non lles pertence. É impertinente mentira e persecución, demonización que levan tempo expresando e que carece de verdade e de rigor. As linguas minorizadas son, pola contra, as dos que temos idioma distinto do español. Cumpriría non se deixar levar polos acenos e manifestacións erradas dos que ocupan tanta pantalla e chupan cámara constantemente para mentir, con reiteración, e tentan inculcar unha cousa por outra. Non sei como poden explicar iso de que, precisamente nas tres nacións periféricas do estado, é onde mellor se fala o castelán, con mellor nivel expresivo ca outras que só miran por un só ollo. Son cousas desa caduca mentira, desa reacción trasnoitada dos que se fixeron eco ben desde a dereita ou na mentida esquerda doutros. Aínda non foron quen de explicar debidamente porque hai eses problemas en comunidades cun só idioma e porque tratan de crear problemas nas comunidades con idioma propio, diferente ao deles. Outro erro constante é o de negarlle o éxito da inmersión lingüística. De todos é sabido que a canle debida para aprender ben e a fondo idiomas, sexan os que sexan. De feito as aprendizaxes teóricas dun idioma, con vocabulario e estruturas, non é nada se non se vai ao país de orixe a aprender a práctica da oralidade. Si, xa sei que non, aínda que sexa tan evidente, que non o van aceptar. Eles, cegamente, odian as palabras “inmersión lingüística” e “reparto equitativo”. Mesmo trocaron o de lingua “propia” e inventaron un concepto excluínte como “lingua común” que nos aniquila, por iso de ser parte pequena. De todas formas, chegados a este estado decepcionado de recuperación lingüística, habería que preguntarse porque nos teñen tanto medo, porque usan tanta voracidade para omitirnos, por que nos sentimos perseguidos e minorizados, por que decrece o número de falantes en galego, sobre todo na xente nova, por que non aceptan a Nosa Lingua como unha lingua máis de estudo e pasa a ser protexida como o resto das linguas (castelá e inglesa, …e outras máis), por que os países plurilingües teñen acadada unha civilización que nós non demos acadado, mesmo chegaron a unha harmonía social que aquí non foi posible a través dos séculos? Por que en tan pouco tempo se perderon tantos falantes ata chegar a este estado residual? Onde as responsabilidades e de quen? Todos sabemos a resposta destas preguntas, sabemos do delicado momento e das políticas desacertadas que se viñeron desenrolando. Non sería ben, cambiar e deixarse de “trilingüísmos” cheos de discriminacións negativas, de represións caóticas como se pode comprobar, e de incompetentes solucións para a nosa recuperación. Propician esta sangría, que nos minusvalía, e esta morte lingüicida da que estamos a ser testigos.