A Cañiza | Unha celebración organizada pola Asociación Cabalar Pedroso de Ribadil, no monte que lle da nome, coa colaboración do Concello da Cañiza. O Alcalde Luis Piña e organizadores montaron a cabalo este sábado 13 de xullo para presentar esta festa popular galega.
Un acto que contou coa participación de “Bruxo Queiman” como mestre de cerimonias e que comezou ás 11 da mañá na centenaria Carballeira do Cacharado, co recibimento do Alcalde a toda a comitiva de cabaleiros e asistentes participantes a cabalo e que continuou coa entrega simbólica das bandeiras de Galicia e da Cañiza por parte de Luis Piña ao Presidente da Asociación Cabalar, Pablo Álvarez e a Mónica Rodríguez, responsable nesta edición do Curro de protexer a tradición da Rapa das Bestas.
Nesta xornada inaugural tamén se fixo entrega do “Ferro”, útil vencellado ao Curro dende os seus orixes e que representa a identidade dos animais e a propiedade dos mesmos. A encomenda partiu de Castor Rodríguez Pérez, primeiro organizador deste curro, a Gabriel Parente por ser o membro máis novo da Asociación Cabalar, que aceptou o encargo de manter viva esta tradición durante a edición do 2024.
No acto tamén estivo presente un representante do curro de Sabucedo. Coincidindo esta fin de semana coa celebración da Festa na honra do Santísimo Cristo da Agonía da Cañiza, o Presidente da Asociación Cabalar e o Alcalde fixeron unha ofrenda floral no Cruceiro do Cacharado. O acto inaugural rematou nos Montes do Pedroso co izado das bandeiras e unha comida campestre.
O Curro do Pedroso
Un evento no que cañicenses e visitantes poderán gozar da baixada dos animais dende as montañas ata o curro para o seu saneamento e colocación de microchips. Unha xornada enxebre na que non faltará a boa gastronomía, música tradicional e moitas sorpresas. Un inesquecible día de romaría e festa e un espectáculo de colorido e bravura propio da nosa rexión.
O Alcalde Luis Piña felicitou a toda a directiva e a todos os veciños e veciñas e colaboradores que xuntos volverán a recuperar esta festa tradicional que se concebiu no ano 1994 para sanear e identificar aos animais. “unha xornada no que se funde o enxebrismo do mundo animal e a natureza, converténdose nun día de Romaría para todos”.
Con estas palabras organizadores e Alcalde presentaron o Curro do Pedroso que se celebrará, mantendo a tradición, o 1º domingo de agosto, neste caso o 4 de agosto, nunha intensa xornada que comeza xa ás 7 da mañá coa subida ao Curro, coordinación dos equipos e saída á busca dos rabaños, para dar comezo a unha festa que se prolongará ata a noite. Ao Curro do Pedroso accédese por un ramal da estrada N-120 de Vigo a Logroño, próximo aos edificios Rebeca, e aínda que parte dos accesos son de terra atópanse en boas condicións.
Cristo da Agonía e Virxe dos Dolores
Este domingo 14 de xullo o Concello da Cañiza honrou a procesión do Cristo da Agonía e da Nosa Señora Virxe dos Dolores. O Alcalde Luís Piña agradeceu a acollida e participación dos cañicenses e dos visitantes nesta celebración inmemorial.
Un agradecemento extensivo tamén á Parroquia de Santa Teresa da Cañiza e ao seu Cura Párroco, Don Miguel Ángel Castro Quinteiro, pola invitación cursada a esta Alcaldía e á Corporación Municipal para asistir aos actos litúrxicos.
Luis Piña felicitou e agradeceu tamén moi especialmente á Asociación Cultural Santo Cristo da Agonía da Cañiza pola súa inestimable participación nos Actos Procesionais e á Banda de Música da Brilat Galicia VII de Pontevedra. Felicitacións tamén a todos os membros da Coral Polifónica da Cañiza que participaron na Misa Solemne.