Curso federativo de monitor de fútbol base en Ponteareas

A Federación Galega de Fútbol, a través da Escola Nacional de Adestradores e en colaboración coa Concellería de Deportes do Concello de Ponteareas, convocan o Curso federativo de monitor de fútbol base, que se celebrará en maio e xuño

monitor

Ponteareas | O alcalde, Xosé Represas, e mailo concelleiro de Deportes, Benito Márquez, recibiron no día de onte na casa consistorial a visita do presidente da Escola Nacional de Adestradores, Manuel Mosquera, e do Coordinador dos cursos de monitor de fútbol base no Baixo Miño, José Luis Mosquera, presentando no Salón de Plenos o curso aos diversos clubes da zona.

Un total de 35 persoas poderán participar nesta convocatoria, asignándose a praza por orde de inscrición.

O obxecto da convocatoria deste curso é completar a formación de Monitor de Fútbol Base, mediante as ensinanzas conducentes á obtención do Diploma Federativo. Este curso ten por finalidade proporcionar aos alumnos a formación que garanta adquirir os coñecementos e habilidades necesarias que permitan desenvolver a súa labor, mediante competencia técnica e profesional nas competicións organizadas pola Federación Galega, con profesionais que actuaron no ámbito do fútbol, utilizando os medios materiais e humanos que dispón a Federación Galega de Fútbol.

“Estamos encantados de colaborar coa Federación Galega de Fútbol e coa Escola Nacional de Adestradores, e de que este curso teña lugar no noso concello, xa que se trata dun curso moi demandado. O feito de que se celebre en Ponteareas pon en valor a tradición futbolística da nosa vila, onde hai moitos clubes que fomentan o deporte desde as categorías base”, sinalou Benito Márquez, concelleiro de Deporte de Ponteareas.

O curso conduce á obtención do diploma federativo de “Monitor de Fútbol base”, especialidade “fútbol”, e está avalado pola Escola Nacional de Adestradores da RFEF, que á súa vez permite a convalidación do Bloque de Prácticas a realizar cando efectúen o Curso Federativo Adestrador Básico de Fútbol.

As persoas interesadas deberán inscribirse de maneira online na web www.futgal.es na parte de Adestradores/Escola/Inscrición e entregar a documentación orixinal o primeiro día das clases, que se compón de:

a.- Fotocopia do DNI (anverso e reverso)
b.- Fotocopia do Título de Graduado en Educación Secundaria (ou titulación superior) ou equivalente a efectos académicos (válido Graduado Escolar)
c.- 2 fotografías tamaño carné (co nome por detrás)
d.- Documentación adxunta cuberta (matrícula)
e.- Xustificante de pago de 150 €.

O período de inscrición abriu o 02 de maio e estará aberto ata o primeiro día do inicio do curso. Ofértanse un máximo de 35 prazas, cubríndose por orde de inscrición. O prezo do curso é de 150 euros. Os requisitos son ter os 16 anos cumpridos e estar en posesión do Título de Graduado en Educación Secundaria ou título equivalente segundo o plan de estudios do aspirante. O curso celebrarase entre o 30 de maio ata o 30 de xuño, en horario de 19.30 a 22.30, nas instalacións deportivas de Pardellas e no Centro de Desenvolvemento Local. Para poder obter o certificado de monitor de fútbol base, requirirase a avaliación positiva das distintas áreas e materias de que consta o curso, entre as que se atopan: filosofía didáctica do fútbol, psicoloxía, ética deportiva, ou fisioloxía, nutrición e medicina do fútbol, entre outras, e a asistencia ao 75 % das sesións presenciais por materia.