Vigo/CUT Citröen | A sentenza do Xulgado do Social N º 1 de Vigo notificada este pasado martes 24 de xaneiro pola que o Xuíz acorda deixar sen efecto a resolución do Colexio Arbitral de Pontevedra (Laudo 25/22) que ordena a repetición das eleccións no centro de Vigo de Peugeot Citroën non causou ningún tipo de sorpresa e representa o posicionamento esperábel por parte do órgano xudicial.
Con carácter previo á celebración do propio xuízo, a CUT puxo de manifesto ante os medios de comunicación que o proceso xudicial estaba a desenvolverse sen ningún tipo de garantía xudicial. Esta circunstancia foi denunciada ante o propio Xulgador, facendo o Sindicato especial fincapé na perda da imparcialidade xudicial, poñendo en coñecemento do Xulgado que se estaban a adoptar decisións irregulares, nun acto de “activismo xudicial pro-parte, de quebra de todos os principios procesuais que permiten un exercicio efectivo do dereito de defensa ex. art. 24 CE”.
Neste proceso, e por responsabilidade histórica, a CUT denunciou por vez primeira e formalmente nunha sede xudicial, o forzamento por parte do Xulgado das normas para incorporar as pretensións de Citroën, co fin de adoptar medidas restrictivas da democracia sindical. A CUT, terceira forza en representación en Stellantis, é coñecedora do descrédito da Administración de Xustiza entre as traballadoras e traballadores do Centro de Vigo, o que só é responsabilidade do Poder Xudicial.
Toda Vigo é coñecedor o desamparo institucional que sentimos as traballadoras e traballados de Citroën fronte ás prácticas empresariais. Con todo, a violación do segredo de voto, recoñecida á fin por un órgano especializado en eleccións como o Colexio Arbitral de Pontevedra ademais de ser unha práctica histórica constitúe o maior ataque ao núcleo da democracia sindical e o dereito das traballadoras e traballadores a elexirmos á nosa representación sindical en liberdade.
Estes feitos non poden quedar impunes. A Sentenza ditada polo Xulgado do Social Nº 1 de maneira incomprensíbel considera que se garantiu o segredo de voto “aún admitiendo que en las mesas auxiliares se pudiese ver la papeleta que cogía el votante” e a pesares de que recoñece que os traballadores e traballadoras acudiron a votar acompañados, frivolizando co alcance do control de voto existente na empresa ao manifestar que “No siempre el acompañante, cuando hubo acompañante, era un superior”, ambas as expresións no Fundamento de Dereito Quinto. Sen chegar a extraer as conclusións obvias e preclaras sobre a implicación de que os superiores acompañen e supervisen o voto. A CUT tal e como anticipou na intervención ante os medios de comunicación vén de presentar anuncio de recurso de suplicación ante o Xulgado, xa que a norma non permite declarar a Sentenza irrecurrible.
En caso de que o Xulgado confirme a súa postura de bloqueo ao recurso, a CUT presentará recurso de queixa ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e, alternativamente, recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional, ao obxecto de conseguir que unha resolución xudicial dun órgano imparcial e especializado estude con detemento e distancia a trascendencia do Laudo Arbitral e das prácticas empresariais e lle poña fin décadas de control e fiscalización do voto na empresa. Queremos agradecer a valentía, a coraxe e a participación dos centos de compañeiras e compañeiros que están a celebrar connosco o resultado do Laudo arbitral e a parabenizarnos pola defensa dun proceso electoral limpo e sen inxerencias. Así mesmo, queremos pedirlles a todas as compañeiras e compañeiros que seguen sen poder participar libremente nas eleccións sindicais paciencia nesta batalla, posto que a vitoria máis importante, que unha Institución recoñeza que non podemos votar en liberdade, foi conseguida. Agora, a través de diferentes medios, acabaremos por conseguir que un Órgano Xudicial especializado homologue ese pronunciamento arbitral poñendo fin a décadas de medo e supervisión das nosas papeletas.
Finalmente, queremos recordar unha das grandes conquistas desta primeira fase do proceso xudicial. O sindicalismo amarelo ou pro-empresa representado polo SIT fracasou nos seus obxectivos de que o Xulgado borrase do Laudo, e por tanto da memoria colectiva, a súa praxe antisindical durante estas eleccións sindicais. O árbitro fixo constar na resolución que “o que defende o SIT é a liberdade de votar con acompañamento. A calidade democrática desta postura é, cando menos, moi mellorábel.
E, para alén desa calidade, anti-xurídico, por contradicir o dereito de participación do art. 61 ET mediante condutas que teñen potencialidade anuladora do mesmo.[…]”. Fronte ás pretensións da entidade amarela de que ditas expresións fosen excluídas do Laudo, o Xulgador puxo de manifesto que “no cabe estimar esta pretensión del Sindicato Independiente porque estamos ante valoraciones efectuadas por el Sr. Árbitro, no cuestiones de fondo que afecten al sentido del fallo de la sentencia”, polo que quedan, polo dagora, inmortalizadas, para que as xeracións de traballadoras vindeiras tomen coñecemento do modus operandi do amarelismo sindical e tomen coñecemento do servizo fiel aos intereses empresariais e o seu inestimábel servizo ao control de voto.
Finalmente, a CUT debe lamentar a actitude de CC.OO e UGT neste proceso que, fronte ao que algún día foron, asisten como marionetas da empresa e do seu sindicato dependente a favor do control e da revelación de voto cunha vontade oportunista, co único obxectivo de conservar a súa cota de voto, despois de sufrir no proceso electoral de 2018 un derrame electoral ao obter menos votos que afiliadas ao exerceren estas o voto en cabina.
Que CC.OO e UGT se sumen agora a defender o control de voto, pola mera vontade de controlar o voto das súas afiliadas para evitar o ridículo sitúanos ante un colapso da democracia electoral e ante a total integración de ambos os sindicatos no bloque do Sindicalismo Amarelo, ata o de agora integrado en solitario polo SIT, que gaña compañeiros de viaxe. Cando a democracia sindical perde, vencen os intereses empresariais. A CUT non permitirá que isto aconteza sen darmos antes unha batalla digna en defensa da liberdade de voto e contra o medo.