Dádeme un punto de apoio e moverei o mundo!!

Parece que foi o grego Arquímedes, matemático, físico, astrónomo, etc., que viviu nos anos antes de Cristo, quen pedía un punto de apoio que el se encargadaba de mover o mundo. Ao parecer solicitaba medios de comunicación que falaran dos seus proxectos, descubrimentos, etc.

Esta frase histórica ten outra versión: “dádeme unha escola e moverei o mundo”. Claro que tanto unha frase, como a súa posible copia xa son historia.
Hoxe non existe esa escola que puidera mover o mundo, nin os medios de comunicación que axudaran a descubrir novos avances na historia da Humanidade, tanto a nivel científico, como a nivel moral ou ético que non leven nas súas entrañas o virus da súa propia destrución, que diría Marx respecto do capitalismo.
A escola deixou de ser esa panca sobre a que todos nos apoiamos dende os anos mozos para erguer a cabeza e descubrir que había máis aló das nosas fronteiras. Non dispoñiamos de máis escaleiras para acadar os límites do horizonte coñecido. Só tiñamos poucos e maos libros e as “clases-conferencias” dos profesores que, con máis ganas que competencia, tentaban abrirnos os ollos ata onde estaba permitido, non fora que nos instruísemos cousas que eran tabú (algunhas seguen sendo tabús aínda hoxe).

Como os horizontes eran tan estreitos, tan limitados aqueles que tiñan certa fame de saber ían metendo o fociño, como podían, para se ilustrar e comprobar que outro mundo existía. Era certo, existía; pero estaba tapado, tapiado, de tal maneira que canto máis averiguabas máis te decatabas que xa estaba deseñado de tal maneira que foras por onde foras,cheiraras onde cheiraras, sempre ías dar ao mesmo lugar: a Historia, con maiúscula, era escrita polos vencedores; eles tiñan decidido o que deberías ou non coñecer. Vencedores en todos os campos do saber e vencedores en todos os campos do vivir diario. Publicacións, traballos, modos de produción, etc. Todo atado e ben atado.

Houbo un momento en que, tal vez por distracción, parecía que os cidadáns podían acadar certo poder de información. Podían manifestar os seus pensamentos, descubrimentos científicos e literarios, e ata no mundo da arte. As monarquías ían rematando (aínda que quedaban restos que duraron ata hoxe); os pensadores, filósofos, literatos saíron á rúa berrando os seus saberes para que soubéramos que podiamos controlar as nosas vidas, o noso futuro. Algúns foron tan tolos que se mataron entre eles, con todo non deixaba de ser unha enorme fiestra pola que entraba unha brisa que nos enchía de ar puro, saudable, reconfortante.

Emporiso aquilo durou pouco. As coroas reais foran substituídas polos poderes económicos e os loucos pensadores ían afociñando unha e outra vez contra os novos intereses que viñan cabalgando a toda présa para ocupar aquel oco deixado polas monarquías, polos poderes que dicían viñan do ceo.

Alguén nas alturas caeu na conta de que as cousas se lle estaban indo das máns. Que ao mundo, léase aos cidadáns, non nos podía deixar soltos de todo porque non eran conscientes do “perigo” que corrían as súas vidas, o seu futuro. Entón, chegou Paco coas rebaixas e mandou parar. E nunca mlelor dito, o de Paco.
Xa tiñamos superado a fase de “do van leyes, do van Reyes”. Parecía que puideramos ditarnos normas de vida, de comportamento, de pensamento sen ataduras. Mentira. Iso podía volverse perigoso. Había que poñer un control. O mundo non se podía deixar mover por calquera. Se había que movelo xa se faría pero con tento, con control. Os experimentos mellor con gasosa; o champaña sae caro. Neste punto a historia mundial porén moito máis a europea sufriu cambios importantes. Asistimos a dúas guerras mundiais que delimitaron o mapa do mundo desenvolvido para o resto do tempo que viña detrás. Iso durou ata hoxe mesmo. Agora xa se presentan novos retos, novos mapas. Non sabemos ben quen ten todo o Poder.

Aquelas guerras crearon unha situación social, moral e política que marcou as nosas vidas para sempre. En España asistimos a unha guerra incivil que viña a rematar cos brotes de liberdade que o pobo soñara durante a breve República. España serviu de campo de probas para comprobar como se pode controlar toda unha sociedade a base de adoutrinamento e do control policial. Non imos entrar aquí en detalles. As barbaridades cometidas esixen un capítulo aparte. Hoxe queremos centrarnos na escola, no punto de apoio que solicitaba Arquímedes.

Algúns tivemos a sorte de nacer e vivir nunha aldea. E digo a sorte, intencionadamente, porque foi a maneira de que cando abrimos os ollos e nos decatamos do mundo que nos tocara vivir xa tiñamos certa experiencia de como eran as cousas do comer e do pensar. Xa tiñamos noticias da sorte que correrán os que “intentaran ofrecer unha sociedade mellor, máis ceibe, máis xusta, máis decente”. Xa sabiamos o que significaba ser patriotas, bos españois, persoas decentes, serias, responsables e, sobre todo, obedientes. Logo, con esa maleta ás costas puidemos ir conformando e movendo o noso novo mundo. Puidemos informarnos pola nosa conta, podemos saltarnos as normas de ser obedientes, de non conformarnos con aqueles saberes oficiais. Puidemos ultrapasar, que dirían os nosos amigos portugueses, os lindes da veiga pequena na que xogabamos cando nenos.

Tivemos a sorte de dispoñer da escola, pero xa non só como alumnos senón como humildes mestres encargados de “abrirlles os ollos ao mundo” aos raparigos e raparigas que, igual que nos tiña pasado, querían voar pola súa conta. Claro que nós, con aqueles miserables medios á nosa disposición poucas ás lle podiamos ofrecer. Si convencelos de que alí só podían conseguir erguer as columnas do edificio da súa vida, logo terían que amoblalo con outros materiais e enchelo de todo o que no mundo puideran atopar. Non darse nunca por vencidos. Alí comezaba a súa vida como unha novela na que serían o principal personaxe. Que foran aumentándolle capítulos ata que as forzas non lle deran para máis.

Así a todo, o problema estaba fóra. Aqueles rapaces e rapazas precisaban dun punto de apoio para mover o seu propio mundo e o mundo pouco lles ofrecía. Mellor, ofrecíanlles demasiadas cousas que non lle ían servir para amoblar aquel edificio que comezaran na escola; todo o contrario, poderían ser como un virus que sen decatarse fora minando a súa fortaleza e rematara convencéndoos de que non merecía a pena esforzarse; todo estaba atado e ben atado. Eles, elas non eran máis que carne de canón nunha guerra que tiñan perdida antes de comezala. E non lles faltaba razón.

Os nacidos nos anos corenta, como é o meu caso, e nos dedicamos ao ensino, fomos vítimas e ata protagonistas forzados dun ensino que estaba chamado a crear un exército de homes e mulleres (estas en menor contía) que debían ser os líderes do futuro.

Só nas capitais de provincia ou nas grandes cidades existían institutos nos que se podía estudar bacharelato. Isto era a condición necesaria para acceder aos estudos universitarios e, polo tanto, a conformar os cadros de dirixentes do novo país chamado España Imperial.

Dentro do “Rexime franquista” temos dúas grandes familias en loita polo control do ensino: a Falanxe e a Igrexa. Loita canto máis intensa canto maior eran os niveis de educación, sobre todo no ensino secundario xa que é aí, como antes dixemos, onde se ían formar esas minorías dirixentes do país. José Antonio Primo de Rivera declara: “Es misión esencial del Estado, mediante una disciplina rigurosa de la Educación, conseguir un espíritu nacional fuerte y unido, e instalar en el alma de las futuras generaciones la alegría y el orgullo de la Patria”. A outra grande familia en loita polo control das conciencias a través do ensino, a Igrexa, expresábase así: “La enseñanza ha de ser en la nueva España esencialmente católica, que se concretará de dos maneras: una positiva con la enseñanza misma de la religión católica y otra negativa con la prohibición total y definitiva de enseñar nada contrario a la ortodoxia católica”.

Como se pode comprobar, aínda nestes momentos asistimos a esa loita da Igrexa por manter aqueles privilexios. Sobre o control do Estado sobre o ensino resulta paradóxico que sexan partidos descendentes do franquismo os que denuncien unha interferencia dos gobernantes. Debe ser para poder facelo dunha maneira absoluta como naqueles tempos, sempre que chegaran ao Poder.

No entanto, o importante é que son outros poderes ainda máis fortes e destrutivos os que nestes momentos teñen o control de todo: do ensino, dos avances científicos, do desenvolvemento industrial, do control sobre os pensadores e científicos,…de todo o que se move.

Temos ás portas unhas eleccións aquí, na nosa casa. Non podemos ignorar que os votantes maiores de 60 anos, que somos maioría, fomos educados, mellor, adoutrinados por aquel corpo de ensinantes que mamaron e se formaron cos materiais propios dun Réxime ditatorial e controlador de todo espectro do pensamento libre, do ensino sen fronteiras. Claro que moitos fomos quen de liberarnos pero outros moitos non puideron facelo. Hoxe son vítimas de políticos sen escrúpulos que lles ofrecen un paraíso mental, unha novas valquirias sempre que non dean o seu apoio a políticas de liberdade, de respecto aos diferentes, de solidariedade cos máis necesitados. E a xente pica. Pica porque non se para a pensar cales son os ovos dos que están nacendo os que propagan este pensamento único e intransixente.

A escola non foi quen de limpar das nosas mentes de forma definitiva todo aquel substrato ideolóxico que herdamos. Ben é certo que o corpo de ensinantes, sobre todo dos niveis de secundaria, tampouco se viron chamados a facer ese traballo. Pensaron, moitos seguen pensando, que ese non é o seu labor. Error fatal. Un ensino democrático, social, solidario e de respecto aos demais sempre é unha obriga moral para os que teñen a posibilidade de mellorar esta sociedade que nos ofrecen os que só a queren para o seu propio beneficio.

Outro día falaremos do papel que veñen xogando os medios de comunicación. Papel que podería ser moita máis determinante se o mundo editorial non tivera medo a mollar os calzóns. Ben é certo que hoxe os xornalistas, na súa maioría, teñen que traballar “pro domo sua”, que dicían os latinos. Non obstante, personalmente, creo que algo máis sempre se pode facer. Pero disto, como antes dixen, falaremos outro día.

 

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»