O Porriño | As actividades formativas enmarcadas no Plan de Formación 2023 do Concello do Porriño xa deron comezo coa primeira quenda do Curso práctico de Manipulación de Carretillas Elevadoras, homologado conforme á normativa UNE.
Un total de 15 alumnos e alumnas participan no primeiro dos catro turnos desta especialidade impulsados dende a concellería de Emprego e Formación, que dirixe Rosario Costas.
Durante cinco días recibirán formación teórica e práctica de condución e manexo seguro de carretillas elevadoras apiladoras (categoría 1 do tipo 3), frontais contrapesadas (categoría 2 do tipo 4) e de mastil retráctil (categoría 2 do tipo 6) para prevención de riscos laborais.
A concelleira explicou que esta é unha das propostas que se desenvolverán no marco do Plan de Formación que dará cobertura ás necesidades esixidas polas empresas e do que se beneficiarán arredor de 500 persoas integrantes da Bolsa Municipal de Emprego.
Este inclúe ademais cursos de Almacenaxe e Picking, Produción en Automoción ou Limpeza Industrial, entre outras especialidades.
O alcalde, Alejandro Lorenzo , lembrou que todas as persoas interesadas en inscribirse neste plan formativo deberán formalizar a súa solicitude de forma presencial nas instalacións de Porremprego en horario de 9 a 14 h.