Mos | O programa Propulsa Danza + Paisaxe + Patrimonio recaerá o vindeiro venres 20 de agosto, ás 20.00 horas no Pazo dos Marqueses de Mos, promovido polo Xacobeo 21_22, Agadic · Xunta de Galicia e Concello de Mos.
A través desta proposta artística a danza e as artes de movemento enmárcanse en entornos de gran valor paisaxístico e patrimonial de Galicia, tal e o caso do Pazo de Mos e a súa contorna.
Propulsa é a maior programación de danza levada a cabo da Comunidade Autónoma con, aproximadamente, 74 funcións de pezas de rúa en espazos singulares ao aire libre. Propulsa mostra, a través da experiencia escénica, outros elementos identitarios de Galicia como a paisaxe e o patrimonio, permitindo deste xeito a posibilidade dunha experiencia total, fusionando na mesma cultura e turismo.
“Os obxectivos desta iniciativa son fomentar e promocionar a creación contemporánea de danza así como atraer a novos públicos”
Os obxectivos desta iniciativa son fomentar e promocionar a creación contemporánea de danza así como atraer a novos públicos, dotar de programación cultural de danza, crear oportunidades laborais para profesionais e compañías de danza de Galicia, e poñer en valor a diversidade patrimonial e paisaxística de Galicia co uso de localizacións singulares.
Trátase dun espectáculo para todos os públicos con entrada gratuita. Os espectadores poderán gozar o vindeiro venres no Pazo de catro espectáculos diferentes con duracións que oscilan entre os 15 e os 30 minutos.
Así, a partir das 20.00 horas da tarde sucederánse as propostas de Evi Balboa co seu espectáculo Nasenda, o espectáculo Stay de Can Cun Quinqué, o espectáculo Coreografías dun DeMente de Fran Sieira Compañía de Danza e o espectáculo Intempestiva de Elahood.
NASENDA é o resultado dunha investigación inmersa en espazos do Camiño de Santiago por corpos e relacións cos demais. STAY DE CAN CUN QUINQUÉ presenta o momento no que as circunstancias fante cómplice de algo que está ocorrendo.
COREOGRAFÍAS DUN DEMENTE DE FRAN SIEIRA COMPAÑÍA DE DANZA plasma unha realidade, un estigma, unhas patoloxías que segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS) sufriron, sofren ou sufrirán nalgún momento da súa vida unha de cada catro persoas.
E INTEMPESTIVA DE ELAHOOD é a nova proposta escénica desta compañía de danza urbana inspirada na obra e na figura de Xela Arias.
Deporte sobre rodas, rei en Mos
Igualmente, o vindeiro 28 de agosto pola tarde celebrarase unha nova iniciativa incluída no programa de actividades con motivo de La Vuelta 21 no municipio. Trátase de ‘Mos sobre rodas’, para todos os públicos no Castro de Herville.
O Concello de Mos, en colaboración con La Vuelta 21, a Asociación Cultural e Social de Herville, e a Asociación Veciñal e Cultural Celado de Cela, organizan unha nova iniciativa enmarcada dentro do programa municipal de actividades con motivo da etapa 20 Sanxenxo-Mos (Castro de Herville) que terá lugar o vindeiro 4 de setembro.
“Unha nova iniciativa enmarcada dentro do programa municipal de actividades con motivo da etapa 20 Sanxenxo-Mos (Castro de Herville)”
Nesta ocasión trátase dun evento dirixido a todos os amantes do deporte sobre rodas, que poderán participar, tanto individualmente como en familia, no encontro ‘Mos sobre rodas’ que se celebrará o sábado 28 de agosto a partir das 17.30 horas da tarde no Castro de Herville.
O evento está pensado para públicos de todas as idades, que participen cos seus vehículos sobre rodas sen motor, tales como patíns, patinetes, bicicletas, triciclos… todas as alternativas son posibles para unha tarde de lecer, deporte, música e cultura ao aire libre.
Os interesados en participar xa teñen o prazo de incrición aberto ata o vindeiro martes 24 de agosto. As inscricións e compra de tíckets pódese formalizar desde xa en 4 puntos: Centro Cultural de Herville, recepción do Pazo de Mos, cafetería do Centro Dotacional de Torroso, e cafetería do Centro Cultural Nosa Terra de Pereiras.
O prezo dos tíckets é de 5 euros para persoas de 13 anos en diante e gratuíto ata os 12 anos de idade. É imprescindible a adquisición dos tíckets antes da data da actividade, sexa cal sexa a idade do/a participante.
A actividade consistirá nun circuito pechado para todo tipo de vehículos sen motor, marcha MBT para maiores de 12 anos, actuacións de Argonat Band, Grupo Infantil de Gaitas Nosa Terra de Pereiras, Banda de Gaitas de Herville, Grupo de Gaitas e Baile Celado; merenda popular a base de empanada, auga e refrescos; e un sorteo de agasallos de La Vuelta.