Pensaba facer unhas reflexións sobre o pasado 25 de xullo, pero decateime que xa levamos varios artigos falando do tema. Por outra banda, se non temos en conta a presenza real en Santiago e os seus comilitóns, o resto repítese ano tras ano; sempre transcorre seguindo un guión preestablecido: miles de galegos /as facendo reclamacións ao Poder Central do Estado. A presenza de políticos cataláns e vascos que reman na mesma dirección non deixa de ser unha repetición do que vén ocorrendo en anos anteriores.
“A Galicia ou a salvamos nós ou ninguén vai perder o sono por nós”
A Galicia ou a salvamos nós ou ninguén vai perder o sono por nós. Como di o refrán, “amiguiños si, pero a vaquiña polo que vale”; aquí cada quen defende a súa propia vaquiña. Miren senón o comportamento dos vascos na recente reunión de Representantes Autonómicos en Salamanca. Os cataláns nen sequera se presentaron; outros, os vascos, estiveron porque horas antes negociaron máis Poder para o seu País. Galicia non estaba como debera estar. Era unha máis entre todas as restantes.
Por iso digo que namentres nos sexamos quen de aglutinar nunha soa opción política forte, representativa da Terra toda a nosa forza como País, namentres non esteamos representados todos os que nos sentimos aldraxados polo trato recibido do Poder estatal pouco temos que facer. Manter o facho aceso está moi ben pero é insuficiente. A volta de Santiago cada quen volta ao seu. Nen sequera todos os que alí se congregaron senten as mesmas siglas, os mesmos principios políticos, a mesma determinación.
Para os que levamos máis de medio século co facho ardendo sen poder apagalo, xa estamos un chisco cansos de tanta parafernalia e pouca decisión de ir todos a por todas. Non me vale que uns sexan máis vermellos ca outros se todos senten no seu corazón á Galicia dos nosos devanceiros; a Galiza que segue morrendo pouco a pouco acompañada polo abandono do rural, pola fuxida cara adiante dos seus fillos mellor preparados porque non somos quen de darlles satisfacción ás súas inquedanzas profesionais e laborais.
Por iso, e por moitas máis cousas que sería longo de explicar, pensei que seria máis produtivo, aínda que sexa a longo prazo (eu xa non teño présa) convidalos hoxe a emularme ao ritmo que cada un de vostedes prefira. Refírome a como somos receptores da información contaminada que todos recibimos.
“Xa deixei escrito nestes mesmos xornais máis dunha vez, que os medios de comunicación son, en xeral, tóxicos”
Xa deixei escrito nestes mesmos xornais máis dunha vez, que os medios de comunicación son, en xeral, tóxicos. Non podo afirmar que ningún se salve porque non sería xusto, pero si afirmar que o 90 e tantos por cento traballan “pro domo sua” (para os seus propietarios). Propietarios que teñen uns intereses concretos que non coinciden coa maioría dos cidadáns.
No caso do nacionalismo galego apenas o teñen en conta se non é para desacreditalo, aldraxalo, menosprezalo. Confundirnos cunha historia contada ad hoc; unha historia que non é a nosa pero que non somos quen de enfrontala porque non temos capacidade de información correcta. Apenas unhas cantas publicacións de curta tirada e moi definidas, polo tanto carentes dunha capacidade suficiente para contrarrestar esa choiva miudiña, esa mormaceira constante que día a día, dende os poderes económicos e políticos alleos, nos enchoupa sen que poidamos secarnos e sair enxoitos e fortes desta presión mediática global.
“No caso do nacionalismo galego apenas o teñen en conta se non é para desacreditalo, aldraxalo, menosprezalo”
Xa dende a escola vén pasando o mesmo. O mesmo discurso que se pasa de xeración en xeración; non dispoñemos de medios suficientes para ofertar aos galegos e galegas de toda condición a verdade da historia e dos feitos que a conforman, con honestidade. Unha información veraz, honesta, historicamente contrastada.
Obviamente non teño capacidade para explicarlles a todos Vdes. como deberían informarse nestes momentos tan difíciles politicamente e tan perigosos dende o punto de vista informativo. Só podo repetir o que durante case 30 anos fixen nos meus tempos de docente. Nada de adoutrinamento (seguro que a alguén se lle acendeu esa lanterna tan de moda); falo de mostrar unha realidade agochada baixo o manto do Poder Central de sempre. Non da agora, non. Isto vén do lonxe e segue sen que poidamos detelo.
Non resulta complicado, só hai que dispoñer dunha ferramenta, dunha predisposición determinada: estar dispostos a descubrir como nos menten, como terxiversan as cousas, como pretenden facernos ver que a cor branca pode ser negra, etc.
Sobre a corrupción do PP durante os últimos 20 ou 30 anos (que entra e sae dos xulgados); sobre como se forxou e foi derrubada a 2ª República; sobre que apoios tivo o golpe de estado dirixido por Franco; que apoios tivo; onde están nestes momentos os industriais que lle deron cobertura económica e estratéxica; de onde saíron as empresas que conforman o IBEX 35; como se forxou a inmensa riqueza que Franco deixou aos seus descendentes co pequeno soldo oficial que tiña como Xefe de Estado; que cesións, non voluntarias, fixeron as forzas políticas no momento da Transición; que fortuna amasou o Rei Emérito ao que ninguén se atreve a xulgar de verdade; en fin, tantos e tantos temas de actualidade aos que non podemos asomarnos cun mínimo de rigor porque están amparados por unha especie de “cosa nostra informativa” que trata de facernos crer que aquí non pasou nin pasa nada; que debemos ser obedientes porque podemos acordar o león dormido que segue dispoñendo dunha potentes gadoupas.
Está claro que, para coñecer a fondo todos estes e moitos outros temas da mesma natureza, non nos van servir os medios de comunicación que atopamos nas cafeterías nin os programas de televisión que invaden as pantallas dos nosos televisores. Ai só podemos acceder á versión oficial; se acaso a unha versión que pretende ser máis atrevida pero que non vai pasar de facerlle cóxegas ao león, precisamente.
Que facer, entón?. Pois mercar libros de autores pouco dubidosos de estar no complot oficial; acudir a revistas especializadas (que existen, aínda que sexan caras); ler xornais dixitais dos que os subscritores sexan os propietarios, aos que ninguén pode dar ordes por teléfono, (eu son accionista duns cantos; nalgúns xa chegamos a máis de 100 mil subscritores). Aí ningún poder mediático mete baza. Lembren que recentemente desapareceu das pantallas un programa de apenas meses de vida porque se metía en profundidades non oficiais (Las cosas claras).
“Que facer, entón?. Pois mercar libros de autores pouco dubidosos de estar no complot oficial; acudir a revistas especializadas (que existen, aínda que sexan caras); ler xornais dixitais dos que os subscritores sexan os propietarios”
Das redes sociais xa nin lles falo porque son coma un patio de colexio; uns disparan contra os outros por ver quen acada máis twuits, ou como se diga. Parece que aquel ao que seguen máis twuiteros pasa a ser o oráculo de Delfos. Obviamente iso non é así. Isto pasa en todos. Aquí e na China como se dicía antes para falar do mundo mundial. Pero aínda poden facer outro exercicio máis sinxelo. Comprobar como un mesmo feito que non admite discusión é presentado segundo por que xornal.
Por exemplo, para non ir máis lonxe. Días pasados en Salamanca celebrouse unha reunión dos Presidentes Autonómicos co Presidente do goberno (ben, tamén andaba por alí un rei para saír na foto). Nesa reunión déronse datos concretos, non opinións. Ben, pois aos políticos que non poden asinar no BOE saíron en tromba para asegurar que todo era mentira. Non habería que esperar un chisco máis para comprobalo? Que dixeron os xornais pesebristas? Pois repetiron coma un eco o que lle ordenaron dende o Poder económico, dende o poder empresarial, tentando argumentar esas supostas mentiras.
Algúns xa se despacharon con: “Yo ya no quiero saber lo que ha dicho el Presidente porque siempre miente”. E xa está. Agora escoitemos a este político para que nos argumente onde está a mentira. Poderá facelo? Non importa. El xa soltou a mensaxe envelenada que pretendía inocular no maxín dos cidadáns. Tristemente hai moitos que o cren. En xornalismo existe un dito: “que unha verdade non me estrague un bo titular”. Iso é o que practican montón de xornais.
Claro que Vdes. teñen que ter unha especial predisposición a ser informados con certas garantías. De non ser así, se están instalados nun determinado ambiente informativo do que se resisten a saír pouco podemos facer. É preciso ter fame da verdade. É preciso estar disposto a ser unha persoa ben informada, que non lle dean gato por lebre.
Pero todos, os de esquerda e os de dereitas. Aquí, non valen cores; aquí só vale que sexamos informados con honestidade, logo xa nós decidiremos que facer. Se iso non nos importa, se estamos contentos e satisfeitos con ser coma papagaios repetindo o que “di todo o mundo” (pero cal mundo?). Que intereses está detrás dese “mundo”? Aí está a nai do año.
Non quero cansalos nin aburrilos. Reflictan sobre a necesidade de estar informados do que nos rodea cun mínimo de rigor. Non se deixen levar pola riada de comentarios, opinións que non se molestaron en coñecer a verdade do ocorrido. Unha sociedade desinformada, mellor, mal informada é unha sociedade vítima de calquera “loco político” que saia a praza deste circo no que estamos instalados. Sexan rigorosos coa información que lles chega, veña de onde veña.
Comproben, pregunten, teñan sempre esa chispa de…será verdade? Voume informar por outro lado; vou preguntar a outra xente que opina deste feito. A ver en que coincidimos ou non.
“O mundo non é unívoco; non ten unha soa cara; é poliédrico; presenta moitas vertentes todos elas respectuosas cando están fundamentadas no rigor, na honestidade”
Só así poderán manter unha conversa seria, importante, ilustrativa coas súas amizades. Cando se xuntan varias persoas a comentar calquera tema da actualidade e nelas non hai discordancia mal vamos. O mundo non é unívoco; non ten unha soa cara; é poliédrico; presenta moitas vertentes todos elas respectuosas cando están fundamentadas no rigor, na honestidade. Poden estar confundidas pero dispostas a cambiar, a modificar o seu discurso se alguén con argumentos lles fai ver outra verdade, a outra cara da mesma moeda. Pero o que non podemos, non debemos tolerar é que sempre os mesmos nos digan que debemos facer, onde está a verdade (a súa verdade).
Esta sociedade, na que actualmente vivimos, non pode rematar ben. Acabará producindo enfrontamentos que ninguén quere alimentar.
Lean, lean moito e variado e sexan felices.