Diante do balbordo de informacións que nos chegan cada día, eu diría cada minuto, por tódalas canles cas que dispoñemos, resúltame difícil centrarme nunha soa e darlles a miña opinión sobre a mesma. Como, por outro lado, entendo que Vdes. non teñen corpo para que lles esteamos indicándolles que deben pensar, opinar e decidir, eu optei por facerlles unhas cantas indicacións sobre temas que están, como se din agora, sobre a mesa das negociacións.
“Podemos comezar por falar da Santa Igrexa Católica Romana. Saben que ten problemas de imaxe”
Podemos comezar por falar da Santa Igrexa Católica Romana. Saben que ten problemas de imaxe. Antes, e seguramente agora tamén, houbo curas, frades e ata bispos que non foron capaces de controlar as súas apetencias sexuais. Claro, dixéronlle que tiñan que ser honestos e célibes; o que non lles dixeron foi como ían conseguir; logo cada quen, como vulgarmente se din, fixo da súa capa un saio.
Nestes momentos dispáranlle de todos lados. Comisión da verdade por aquí, comisión parlamentaria por alá. Veremos en que queda a cousa. Vdes. estean atentos á pantalla que lles irán chegando noticias.
“Outra cousa de actualidade son as eleccións en Castela-León. Aquí parece que os cálculos políticos do actual presidente Mañueco están fallando”
Outra cousa de actualidade son as eleccións en Castela-León. Aquí parece que os cálculos políticos do actual presidente Mañueco están fallando. El, que pretendía poñerlle en bandexa un resultado semellante ao de Madrid da ínclita Ayuso, comproba con preocupación que o vai ter difícil. Claro que sempre lle queda VOX. Pero este partido que saíu das catacumbas do franquismo pretendendo volvernos aos tempos que todos queremos esquecer, non llelo vai poñer fácil. Queren poder; pillaron cacho no Parlamento e nalgunhas Comunidades e xa non se conforman con votar para que non gañe a esquerda, que para eles é un perigo inminente. España está en perigo; ao parecer segundo, VOX temos un goberno comunista, bolivariano, castrista, que seu eu. O demo en forma de políticos.
RTVE ven de develar que a xa coñecida Chanel conseguiu o 4% dos televotos fronte ao 70% das Tanxugueiras. Ao final o xurado, non se sabe moi ben porqué, conseguiu que Chanel se fixera coa Representación de España en Eurovisión. As Tanxugueiras pasaron a un terceiro lugar. Que pasou? Tongo, manipulación,…Non importa. Está claro que os “poderes fácticos” desta pel de touro seguen pensando en clave ayusista, “Madrid es España y España es Madrid”.
“RTVE ven de develar que a xa coñecida Chanel conseguiu o 4% dos televotos fronte ao 70% das Tanxugueiras”
Outra perla curiosa. Seguramente Vdes. se lembran do que se chamou “caso Filesa”. Foi unha falcatruada cometida polos membros do partido socialista para se financiar de maneira irregular. Daquela foron enxuízados e a cousa foi resolta. Claro que debeu quedar algún fío solto que, nestes momentos, unha vez pasados mais de 30 anos, o Supremo forza a reapertura do caso. Cando o PP está subindo aos caballitos un día si e outro tamén, resulta un tanto sospeitoso que os socialistas se vexan salpicados logo de trinta anos por algo semellante. Quen destapou a “Caixa de Pandora” política? Adiviñen, Vdes. son xente intelixente.
No último mes asistimos a todo un maratón de reunións entre empresarios, goberno e sindicatos para negociar a Reforma Laboral herdada do Sr. Rajoy que, por certo, aprobou unha reforma no 2012 sen consultar con Deus nin co Diabo. Tiña a maioría e tirou para diante.
“No último mes asistimos a todo un maratón de reunións entre empresarios, goberno e sindicatos para negociar a Reforma Laboral herdada do Sr. Rajoy”
Claro que agora o Goberno non ten esa maioría e vese na obriga de negociar á dereita e á esquerda, se é preciso.
En principio conseguiu que os sindicatos e os empresarios aceptaran o proxecto de lei que o goberno tiña previsto. O problema estaba en que tiña que pasar polas Cortes, ou sexa polo votos dos deputados do Parlamento. Aquí foi onde se formou o lío. Os chamados partidos “coleguillas do Goberno”, léase ERC, PNV e EH-Bildu, non estaban conformes co acordado; querían máis cousas, mais intervención nesa lei, pero o Goberno tíñase comprometido con empresarios e sindicatos de que non se movería unha coma do acordado.
Ben, pois esa como que resultou ser coma eses marcos das leiras galegas nos que se teñen producido mortes porque algún estremeiro se lle ocorreu movelos. O goberno non moveu os marcos e os partidos antes citados votaron en contra. Problema: a lei estivo a punto de ser chumbada no Parlamento. Menos mal que un deputado Popular, Alberto Casero (o partido estivo en contra desa lei) parece que non está moi ducho no manexo dos aparellos telemáticos (debemos clarexar que o deputado citado estaba atacado polo virus e non puido estar presente no Parlamento, aínda que as malas linguas din que estaba traballando na Sede do seu partido porque é un alto cargo administrativo do PP).
Isto poderiámolo considerar como certo se temos en conta que se presentou no Parlamento de inmediato cando se enterou do seu erro. Se estivera en Cáceres, onde non ten AVE, non chegaría a tempo. Pero iso non importa.
A cuestión é que se os deputados de UPN que dixeran ían votar a favor, votaron en contra. Proxecto tumbado porque os números eran xustos pero, coa confusión do deputado Popular, os socialistas sacaron adiante o seu proxecto de lei. Menudo Cristo se montou!!! Veremos como queda a cousa.
Logo de todo este lío, que pasa agora cos partidos amigos do Goberno que votaron en contra? Pois moi sinxelo, andan a facerllas voltas ao Goberno para seguir negociando outras cuestións pendentes. Nós pensamos que lle viron as orellas ao lobo e se decataron de que un cambio de goberno sería moito peor que o que temos. Eles sairían perdendo si ou si.
“Imaxínense un goberno formado polo PP máis VOX e os cataláns pedindo un referéndum para, se saíra positivo, tentar apartarse do resto do Estado Español”
Imaxínense un goberno formado polo PP máis VOX e os cataláns pedindo un referéndum para, se saíra positivo, tentar apartarse do resto do Estado Español. Iso sería de traca. Por esa razón, agora ERC, sobre todo, xa dixo que o voto negativo recente non debe ser obstáculo para seguir negociando outras cousa pendentes.
Claro que os membros do Consello de Ministros non opinan igual. O mesmo ocorre cos cataláns, tan firmes para negociar e tan dispostos a seguir negociando.
Por hoxe, déixovos descansar. Lean isto con tranquilidade pero non deixen de pensar que alguén lles vai comelo coco para convencelos de que o paro aumenta, de que os pobres son cada vez máis pobres, etc. etc. Si, son pobres, é verdade, pero tamén é certo que a nova lei aprobada e a futura sobre o Salario Mínimo Interprofesional, se sae adiante como pensa o actual goberno, é bastante mellor ca actual, que vén do PP.