O pasado 4 de febreiro cumpríronse tres décadas do intento de golpe de Estado do entón tenente coronel Hugo Chávez contra o presidente Carlos Andrés Pérez, acontecido en 1992. Ante a sorpresa dos venezolanos e do mundo enteiro, un xoven militar asumía a responsabilidade do fracaso do que, co pasar dos anos, cualificou como unha “rebelión cívico-militar”.
Ninguén logrou entón prever que, seis anos despois, en 1998, ese “fracaso militar” de Chávez levaríano á presidencia de Venezuela pola vía electoral, converténdose así nunha “vitoria política”.
Definir ideoloxicamente ao chavismo supón un exercicio de complexidades. Identifícase aquí unha especie de “populismo militar” moi presente en América Latina, combinado coa vocación por mellorar as condicións de vida das clases populares.
Durante o seu período de goberno (1998-2013), Chávez esforzouse, vía misións sociais, diminuír unha pobreza socioeconómica que hoxe, en 2022, alcanza a case o 90% dos venezolanos. Toda vez a súa “revolución” levou a un cambio constitucional en 1999 que permitiu ampliar a base de participación política a través da “democracia participativa”, a política venezolana nestas dúas décadas de chavismo no poder da conta de episodios de autoritarismo, desprezo polos contrapesos institucionais, dificultades para o diálogo e consensos e violencia política.
“Hoxe, trinta anos despois, a Venezuela “soñada” por Chávez en 1998 dista moito do proxecto orixinario concibido pola ‘revolución bolivariana”
Hoxe, trinta anos despois, a Venezuela “soñada” por Chávez en 1998 dista moito do proxecto orixinario concibido pola “revolución bolivariana”, ampliado a partir de 2007 baixo o denominado “Socialismo do século XXI”. E, polo demais, o propio Chávez tampouco segue con vida, tralo seu pasamento en 2013.
O seu sucesor Nicolás Maduro goberna un país politicamente polarizado e fracturado social e economicamente, con seis millóns de persoas (10% da poboación venezolana segundo datos de ACNUR) que se viron na obriga de emigrar ou exiliarse debido á crise. Con sancións internacionais dende EE.UU e a Unión Europea, Maduro busca un salvavidas económico que lle permita transitar cara a “normalidade” tras anos de confrontación.
Non obstante, o “socialismo bolivariano” de Chávez ten dado paso a unha nova oligarquía no poder, unha economía dolarizada de facto con enormes dificultades en materia produtiva, enormemente dependente dunha industria petroleira diminuída na súa produción e igualmente dependente da asistencia financeira dos seus novos aliados (Rusia, China, Irán) que ven en Venezuela un terreo fértil para os seus respectivos intereses xeopolíticos.
Incluso, o panorama en materia de dereitos humanos é grave: Maduro e altos cargos do seu réxime están sendo investigados pola Corte Penal Internacional por presuntos crimes de lesa humanidade cometidos desde 2017.
O tránsito de Chávez a Maduro reflicte moitas das claves que fan de Venezuela a crise hemisférica máis preocupante. Toda vez, desde 2019 asistimos a unha inédita “bicefalia” no poder, cun líder opositor Juan Guaidó que pretende ser o “presidente lexítimo” contra o “usurpador” Maduro, aducindo un fraude electoral cometido en 2018 e mecanismos institucionais de conservación do poder que violan os preceptos constitucionais.
“O tránsito de Chávez a Maduro reflicte moitas das claves que fan de Venezuela a crise hemisférica máis preocupante”
A pesar de que a Guaidó aínda o recoñecen uns 60 países (entre eles España) como “presidente lexítimo”, este desafío (e ficción) de lexitimidades políticas non ten erosionado o poder de Maduro. Mais ben, polo contrario, Maduro parecera verse reforzado tomando en conta que non existe fractura militar nin tampouco dos cadros políticos e burocráticos do seu goberno. Nese sentido, o réxime de Maduro manifesta unha maior capacidade de resiliencia.
Con este panorama, e tres décadas despois da aparición de Chávez, o contexto venezolano semella abrir un novo ciclo de incertezas sobre a saúde democrática venezolana. A pesar do illamento internacional fraguado dende Washington, Maduro vese mais consolidado no seu poder e incluso parecera “pasar páxina” do seu antecesor e “mentor” Chávez.
“Neste 2022 comezamos a observar, con maior nitidez, o tránsito do ‘chavismo’ ao ‘madurismo”
Neste 2022 comezamos a observar, con maior nitidez, o tránsito do “chavismo” ao “madurismo”, unha perpetuación de personalismos e ambicións de poder que dilúen as pretensións iniciais de Chávez de construír unha “Venezuela potencia”. Un triste epílogo para Chávez e o chavismo.
Propietario da foto: The New York Times