“Non fracasei, encontrei 10.000 solucións que non funcionan”
Thomas Alva Edison, inventor e empresario estadounidense. 1847-1931.
Nos últimos días estamos asistindo a un cúmulo de despropósitos por parte do SERGAS, que teñen a súa culminación en dúas sentencias do TSXG que poñen en cuestión a política de Feijóo e Rueda e indícanos claramente que ou se cambia de rumbo ou o desmantelamento da AP é irreversible.
O TSXG condea a Xunta por “vulnerar dereitos do persoal médico en AP e Pediatría por non respectar a normativa vixente para garantir a integridade pública e a saúde da/os profesionais”. O sindicato O´Mega, presentou a demanda, para denunciar “a desproporcionada carga de traballo a que o SERGAS somete a/os seus traballadora/os”.
A vez, o TSXG, “anula e deixa sen efecto, a instrucción do SERGAS que permitía renovar receitas a/os farmacéutica/os” e “condea a Xunta a aboar as costas o Consello Galego de Colexios Médicos”.
Está claro que a política sanitaria pasa por “ocorrencias” que dende logo non tratan de mellorar a asistencia senón que van de “éxito en éxito ata o fracaso final”, que será o empeoramento do Sistema Sanitario Público de forma irreversible, por culpa do PP!
A política de “fuxida cara adiante”, sen pes nin cabeza, é unha estratexia para desmantelar un Sistema Sanitario que cada día está máis precarizado e respondendo ás demandas da poboación grazas o voluntarismo da/os profesionais para poder dar unha asistencia exclusívamente clínica, sin poder facer labor de prevención, promoción da saúde, investigación, formación e nada que non teña que ver ca asistencia directa a demanda de cada día.
“A política de ‘fuxida cara adiante’, sen pes nin cabeza, é unha estratexia para desmantelar un Sistema Sanitario que cada día está máis precarizado”
Con consultas de 40-50 doentes diarios de forma continuada, é moi difícil xestionar con boa praxe a demanda de cada día. Compañeira/os que están como Médica/o ou Pediatra substituta/os, que hoxe están aquí e mañá acolá, que traballan por horas cando van estar días, por días cando van estar semáns, semáns cando a baixa é de larga duración…a atención de calidade que se necesita é moi difícil de facer.
Ademáis, o salario base dun Médico do SERGAS, é de 1.256 euros, que si non fose polos complementos, non se chegaría a unha remuneración acorde co tempo e o esforzo que se precisa para poder traballar no sistema. Teñen que aprobar o MIR, sistema de calidade máxima, recoñecido en todolos países do noso entorno.
Estes sistemas sanitarios alleos, só teñen que poñer un/ha traductor/a durante 6 meses, e xa teñen un/ha profesional de primeirísimo nivel…e sin gastar un euro! Sabemos que formar un Médica/o, costa 300.000 euros e non recibimos os frutos desa inversión, que sí os reciben, lugares que prestixian a profesión, dan un salario digno e unha estabilidade, e iso, facilita que se lles incorporen profesionais, sin ningún esforzo económico.
As listas de agarda son o principal motivo de queixa da/os doentes. Están a aumentar día a día, por moito que o Conselleiro de Sanidade repita a mentira e quera maquillala: non incorporan a lista de agarda non estructural de doentes que están no limbo de: “ya los llamaremos”. 360.000 persoas están en lista de agarda na Galiza: é o 13% da poboación galega!
Galiza é a cuarta comunidade do Estado onde menos se inviste en sanidade por habitante. O gasto fica en 1.691 euros ao ano por persoa, o que supón 37 e. por baixo da media estatal (1.728 ), segundo os últimos datos da Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal… e 321 e. menos que Euskadi!
“Galiza é a cuarta comunidade do Estado onde menos se inviste en sanidade por habitante”
Profesionais sanitarios están dimitindo, outra/os están non prorrogando o seu traballo o chegar á xubilación, os Colexios Médica/os manifestan o seu malestar, as organizacións científicas e profesionais non ven reflectidas as súas reivindicacións, Sindicatos e Partidos Políticos o expresan e Plataformas Sanitarias maniféstanse día sí e día tamén.
Que máis ten que pasar para que cambie a política sanitaria na Galiza? O 12 de febreiro do 2023 dirémosllo na rúas de Compostela, de novo!
Dr. Xosé M.ª Dios Diz. Médico especialista de AP de Outes.