Na miña columna anterior falaba do drama palestino a propósito da recente publicación dun excelente libro sobre o tema. Denunciaba nesa columna o calculado silencio dos mass media sobre o apartheid israelí en Palestina. Pero a sorpresa segue a ser un instrumento clave na política internacional. Dúas semanas despois vemos cómo subitamente Palestina volve a ocupar a centralidade da atención trala “operación relámpago” realizada polo grupo islamita palestino Hamás en territorio israelí o pasado 7 de outubro e que ten causado, ata os momentos, máis dun millar de mortos e a declaración do “estado de guerra” en Israel.
Nesta lamentable voráxine de acontecementos que observamos diariamente, como se asistíramos a unha especie de retorno da era da violencia tamén aderezado neste reino da desinformación e dos fake news, volve á palestra un conflito que semellaba ‘dormido’ mais evidentemente non solucionado.
A claustrofóbica violencia que, permanente ou circunstancialmente, viven palestinos e israelís sen practicamente ningunha saída negociada e de diálogo no horizonte volve con forza como se asistíramos impávidos ao macabro espectáculo da “gran guerra en Oriente Próximo”. Unha guerra que moitos intereses persisten obstinadamente en ver como se fora un conflito “de civilizacións”, para non esquecernos daquela polémica tese de Samuel Huntington formulada tres décadas atrás.
Pero tentemos centrarnos agora nas razóns de por qué agora volve a guerra e a violencia entre palestinos e israelís. Que intereses existen e como se manexan.
A primeira, precisamente, pode ter que ver co silencio dun conflito de máis de sete décadas. Que un movemento islamita como Hamás, confinado nun territorio tan pequeno como Gaza (382 km2 con millón e medio de habitantes), permanentemente bloqueado por terra, mar e aire desde 2011 por parte de Israel, teña agora a capacidade militar para golpear en territorio israelí deixa ás claras algo que non parece habitual. Porque se ben Oriente Próximo é un incesante tráfico de armamentos a través de mafias de todo tipo non resulta moi creíble que Hamás se aprovisionara, de súpeto, de armamento tan sotisficado como misiles de mediano alcance sen que o seu principal inimigo, Israel, non estivera ao tanto. E máis tomando en conta que o obxectivo de ataque de Hamás é un Estado, o israelí, cunha sociedade tan militarizada e sensible co tema da seguridade, favorecida pola súa perpetua alianza militar estratéxica con Washington.
Por moito que o seu inimigo rexional, Irán, aparentemente estivera detrás desta “ofensiva relámpago” de Hamás (aínda que Teherán xa negara oficialmente a súa presunta implicación) parecera que nos medios de comunicación se interpretara este golpe contra Israel como se dunha disculpa moral se tratase: cuestionando desta vez a efectividade dos servizos de intelixencia israelís para detectar “a tempo” eses movementos provenientes dunha conexión Hamás-Irán, que tantos temores causan á seguridade israelí. Que pudo suceder nesta ocasión para tomar desprevenida a Israel? Esta é unha interrogante que xera suspicacias.
Por outra banda, está tamén o momento, simbólico polo demais: a festividade xudea de Yom Kippur que, ó mesmo tempo, lembra o 50º aniversario desa guerra (1973), última gran vitoria militar israelí contra os seus veciños árabes. Por tanto, o “golpe” de Hamás foi moralmente estratéxico: contribuíu a degradar esa imaxe de presunta invencibilidade militar israelí espindo ó mesmo tempo os seus aparentes problemas internos de seguridade atacando no seu propio territorio e secuestrando civís, sexan da nacionalidade que sexan. Penetrar nese aparentemente impenetrable “escudo de defensa” israelí é obviamente unha especie de vitoria moral para a imaxe de Hamas dentro da sociedade palestina.
Ó mesmo tempo, Hamás volve a ocupar o protagonismo dentro dese atomizado espectro político palestino no que a Autoridade Nacional Palestina (ANP) nacida dos procesos de paz de Oslo (1993) e o histórico partido Al Fatah xa se observan practicamente intrascendentes, sen liderados visibles e cunha lexitimidade interna cada vez máis cuestionada.
Pero non é só Hamás (e o seu aliado iraniano) os únicos focos de protagonismo. O ataque apunta a un nome específico: o primeiro ministro israelí Benjamín Netanyahu. No seu enésimo goberno en Xerusalén (a nova capital israelí tras ser así oficialmente trasladada dende Tel Aviv en 2021 obviamente co apoio de EE.UU), Netanyahu confirmou a súa vocación extremista e nacionalista fraguando unha alianza con partidos de extrema dereita e ultrarrelixiosos que ben poden socavar os cimentos laicos institucionais do Estado de Israel a través dun “neosionismo” historicamente revisionista. Non debemos esquecer que Netanyahu mantén en mente o seu proxecto histórico do “Gran Israel” onde obviamente palestinos e árabes son expulsados deste “supremacismo”.
“Pero non é só Hamas (e o seu aliado iraní) os únicos focos de protagonismo. O ataque apunta a un nome específico: o primeiro ministro israelí Benjamín Netanyahu”
Non todo estaba a favor de Netanyahu. Desde comezos deste ano diversos sectores da sociedade israelí comezaron a protestar por esta viraxe “ultrarrelixiosa”, manifestaciones inéditas cando se celebraba o 75º aniversario da proclamación do Estado de Israel.
Acosado polas protestas e polos sectores ‘ultra’ do seu goberno, Netanyahu debía manexar delicados equilibrios políticos que podían ameazar cunha nova caída dun goberno e outro adianto electoral: nos últimos tres anos, Israel debeu ir consecutivamente a igual número de eleccións. Desde que Netanyahu chegou ao poder por primeira vez en 1996, en Israel ten tido oito gobernos distintos, tres deles con Netanyahu ao fronte.
Por tanto, un ataque do inimigo Hamás con presunto apoio iraniano non é acaso un aliciente suficiente para que Netanyahu e os “falcóns” israelís unifiquen os criterios dentro dunha sociedade israelí polarizada, en aras de preservar a integridade estatal ante a ameaza exterior? Si, esta é a guerra de Hamás pero tamén é a de Netanyahu. E máis cando o xefe de goberno israelí ten esa capacidade para chamar de inmediato á mobilización de 300.000 reservistas.
Por último, temos o contexto rexional ante a posibilidade dunha normalización de relacións entre Israel e Arabia Saudita, un feito histórico en Oriente Próximo que trastocaría o equilibrio rexional, especialmente para Irán, principal rival rexional de ámbolos dous. Un eixe Xerusalén-Riad bendecido por Washington e os seus aliados atlantistas desequilibraría o panorama rexional buscando desafiar o peso que nos últimos anos (e especialmente coa guerra en Siria) acadou a intervención do eixe euroasiático trazado en Oriente Próximo por Irán, Rusia, China, Qatar e Turquía (non esquezamos, membro da OTAN) como aliado intermitente. Romper esta posibilidade de que Israel lograra un novo éxito diplomático ante o eventual recoñecemento saudita do Estado israelí (en 2021 así o fixeron Bahrein e Emiratos Árabes Unidos toda vez estaban igualmente adiantándose estas posibilidades con Marrocos) era unha ecuación, a priori, inaceptable para Teherán
Pero tamén podemos poñer no taboleiro outro factor: no recente cumio dos BRICS celebrado en Johannensburgo en agosto pasado, Irán e Arabia Saudita foron formalmente aceptados como novos membros a partir do vindeiro 1º de xaneiro de 2024. Estamos falando duns BRICS que, conformado por potencias emerxentes como China, Rusia, Brasil, India e Sudáfrica, quere reformar substancialmente a arquitectura de poder global onde a unipolaridade hexemónica estadounidense segue en pe, e do que Israel forma parte como aliado estratéxico para Washington.
Cun BRICS en ascenso nos que formarán parte dúas potencias enerxéticas como Irán e Arabia Saudita, para Occidente e Israel facíase imperativo tentar encaixar ese entendemento con Arabia Saudita en detrimento de calquera movemento iraniano, e mais agora cando os eixes xeopolíticos globais, sexan atlantistas, euroasiáticos ou do Sur están en plena reconfiguración, tensión e confrontación. Se ben o prisma apuntaría preventivamente a Teherán como o factor discordante ante esa eventual normalización diplomática israelo-saudita, podemos preguntarnos: é o país persa o único prexudicado con esta alianza? Ou hai outros intereses, aínda por descifrarse, que tamén entran en xogo? E como toda crise en Oriente Medio, o mercado enerxético apréstase a acometer prezos elevados.
Así que, prezados lectores, se non estábamos o suficientemente ocupados con Ucraína, cos golpes militares no Sahel africano que igualmente prevén posibles tambores de guerra e coa tamén recente “operación relámpago” azerí para desaparecer Nagorno Karabaj propiciando un novo éxodo armenio, pois agora temos a “nai de todas as guerras” nada mais e nada menos que no corazón de Oriente Próximo.
“Cal será a próxima parada da incesante maquinaria dos lobbys da guerra? Líbano vía Hizbulá?; Kurdistán?; Taiwán?; Mar de China?; as dúas Coreas?”
E, como no caso da invasión rusa a Ucraína en 2022, Occidente amagou con adiantar as súas sancións, neste caso contra Palestina: a Unión Europea, que cada vez máis queda en evidencia demostrando a súa nula capacidade como actor de mediación e de negociación, tamén demostra as súas contradicións internas: primeiro anunciou a suspensión “inmediata” da axuda ao desenvolvemento para os palestinos; logo, por presión de varios países membros, finalmente deu marcha atrás.
Pero ante este voráxine de acontecementos tamén debemos preguntarnos: cal será a próxima parada da incesante maquinaria dos lobbys da guerra? Líbano contra Israel vía Hizbulá?; Kurdistán?; Taiwán?; Mar de China?; as dúas Coreas?