De Nigrán ao espacio con “Ossie”

Este vehículo de transferencia orbital é un referente do HUB Aeroespacial da Zona Franca e se desenvolve no Porto do Molle

Nigrán | “Ossie” xa está case listo. O primeiro vehículo de transferencia orbital de fabricación española e un dos cinco que existen no mundo, creado no parque empresarial da Zona Franca en Porto do Molle, será lanzado ao espazo no segundo semestre deste ano. Estará cargado de satélites que serán despregados en diferentes órbitas, un revolucionario sistema de transporte que coroa a UARX Space na súa imparable carreira espacial como unha das compañías máis innovadoras do sector, como así recoñeceron desde a propia NASA.

Nunha visita á nave de UARX, o delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, acompañado da conselleira de Industria, María Jesús Lorenzana, o Alcalde de Nigrán, Juan González e a directora de IGAPE, Covadonga Toca, coñeceron de primeira man os detalles de “Ossie”, que está en período de montaxe, para o que a empresa que lideran Yanina Hallack e Andrés Villa ten todo ultimado para o seu lanzamento nun foguete Falcon 9 desde a base aérea de Vandenverg, en California.

Tal e como explicaron os responsables de UARX, que fabrica todas as súas pezas en Porto do Molle con provedores locais, o primeiro voo de Ossie xa está completo. A súa misión, que durará dous anos e que conta con clientes de sete países, será transportar a bordo nanosatélites que despregará en diferentes órbitas.

O éxito internacional deste sistema de transporte, que utiliza propulsión propia e combustible ecolóxico, tivo tan boa acollida que UARX xa traballa no “Ossie2”, porque ten media ducia de contratos internacionais en lista de espera para conseguir praza. O delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, manifestou “un gran orgullo ante o imparable desenvolvemento de UARX, unha empresa criada e desenvolvida connosco en Porto do Molle e que agora mesmo está considerada pola propia NASA como unha das dez empresas máis innovadoras en tecnoloxías para naves espaciais pequenas”.

O delegado lembrou o camiño dos 8 anos de existencia de UARX “primeiro na incubadora do noso Edificio Aeroespacial, desenvolta despois co apoio financeiro da nosa sociedade de capital-risco Vigo Activo, e agora nunha nave do Consorcio onde segue traballando e onde estamos seguros que se seguirá expandindo”. Regades puxo á compañía como o mellor exemplo de “como unha boa idea, acompañada do talento e do traballo dos seus impulsores e apoiada por administracións públicas como é o caso da Zona Franca, consegue resultados como estes. É moi gratificante, dixo, comprobar que a nosa aposta pola colaboración público-privada é o camiño correcto”.

UARX Space naceu nunha pequena oficina que foi acollida pola incubadora de Zona Franca no Edificio Aeroespacial de Porto do Molle, cuxo acondicionamento se financiou con fondos Feder a través da Fundación Incyde. A empresa, seguindo coa súa estratexia de crecemento e de negocio, trasladouse posteriormente a unha nave de máis de mil metros que alugou ao Consorcio no Parque Empresarial. Alí traballa actualmente un persoal de 15 profesionais de enxeñerías que queren ampliar este ano.

O pasado verán, a firma viguesa xa alcanzara proxección internacional na carreira espacial europea con RAMI, o primeiro dispensador de nanosatélites fabricado en España, que viaxou na misión do Ariane 6. Foi a primeira empresa española en lanzar nanosatélites ao espazo, un fito para a soberanía espacial de España.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.