Dicía o meu amigo Darío Rivas que aquí non se respiraba aínda a Liberdade, que estabamos constrinxidos en medio dunhas normas que cheiraban a mofo, a vellos apaños do fascismo ruín e desapiadado. Dicía que a Liberdade nótase cando non tes que dar tantas explicacións, nin pedir tantos permisos para expresarte e ser, para queixarte, para esixir o que é teu, para recuperar o que che levaron, para que che fagan xustiza. E hoxe véñenme á memoria as súas palabras cando hai tanto lío co Poder Xudicial que, xa sabemos é de maioría conservadora e que ten as mosca detrás da orella pois sábese da súa teimosía compracencia coa dereita e naquelas cousas do mofo que antes citaba, evocando ao Darío loitador da nosa causa e da nosa memoria. Eu creo que cando “o ditador” falaba de que deixaba todo atado e ben atado era por mor da xustiza que deixaba latente, tanto redactada como impartida, secuenciada no adeene dese poder, por xentes elixidas a dedo que estorban e complican a existencia de novos modos de participación activa e de desenvolvemento equitativo e máis xusto. Non nos movemos moito, imos moi lentamente e parecemos ancorados no lastre dun fondo escuro. Menos mal que unha xustiza de maior rango, como a europea, agora lle fai corrección ao CXPX nun terreo onde antes ninguén se lle metía e eran donos do baile. Aquilo da “mesura, imparcialidade, independencia, proporcionalidade” e outras desculpas, non chegan para lavarlles a cara. Cantas causas mal encausadas, cantas varas de medir, segundo a quen. Agora tamén se pasan un pouco, doídos, e crense no dereito de corrixir as críticas que algún político lles faga desde o poder. Pois non deberan facelo porque non é normal. Calquera persoa e tamén os políticos poder facer crítica das decisión xudiciais, como acaba de suceder, que as instancias xudiciais repriman ese dereito aconsellando a mesura que eles mesmos non exercen, dando toques de atención aos que discrepan. Onde está nosa liberdade de expresión? Detrás deles? A nosa xustiza hoxe non é algo equidistante nin harmonioso, digno recurso dos gobernados, non, dilúese baixo siglas que amparan todo, como sucede, por exemplo, cunha Xunta Electoral Central que se cre no deber de inhabilitar a un presidente autonómico e xa fóra de eleccións. Precisamente por iso merece ser posta en cuestión sobre todo para que volva ser esteo e fundamento democrático, se se quere, ou norma estabilizadora dunha convivencia digna, pero para “todos”. Ten que saír desta tan notoria “parálise” que favorece sempre aos de sempre, aos que se gardan e gardaron no poder, os que sempre tomaron as decisións da Banca, da Patronal, do lexislativo e dos executivos varios, igrexa e colectivos do medo e ameaza, manipuladores de moito peso que para a nosa desgraza, todos coñecemos e agrupamos –desde sempre- baixo o enorme cualificativo de “caciquiños, caciques, cacicóns”.