Cadernos da viaxe.
Fronte ao prognosticado pola meirande parte das enquisas o PP (133 deputados, 48 máis dos que tiña) e Vox (33 deputados, perde 19, malia manter o terceiro posto estatal) non deron sumado maioría abonda para governar nas eleccións estatais deste 23-X.
Mesmo com cadanseus deputados obtidos por Coalición Canaria (CC) e Unión del Pueblo Navarro (UPN) Núñez Feijóo como líder do bloque de dereitas non poderá ser investido ao recibir os 179 seguros votos en contra do PSOE (122, gaña 2 deputados e 3, 5 porcentuais), Sumar (31, perde 7 a respecto da suma dos seus coaligados IU, Podemos, Más País e a valenciana Compromis), ERC (7, perdendo 6), JuntsxCat (empata com ERC a 7), EH Bildu (6, subindo un e obtendo o sorpasso en Euskadi fronte ao PNV, que perde un e fica en 5) e do BNG, que repite resultado malia medrar nun 25% dos votos emitidos.
Mais tampouco o vai ter doado Pedro Sánchez con estes bimbios. Con Sumar e os seus recorrentes aliados da última lexislatura PNV, EH Bildu e ERC podería contar cos mesmos 171, mais require polo menos a abstención de JuntsxCat, pois que se éstes votan en contra (e teñen manifestado que así o van facer agás se avance nas cuestións do referendum de autodeterminación e da amnistía) a única saída sería a repetición electoral, de non ser un- polo de agora- improbábel pacto de grande coalición PP-PSOE que o xornal de Pedro J. Ramírez, no ronsel dos intereses do Ibex 35, xa pedía este luns. Porén, de se acadar a abstención das juntaires na segunda votación, o deputado do BNG terá a chave da investidura na mesma e a axenda galega terá presenza nas negociacións.
“A estatalización da campaña e o medo a un goberno da extrema dereita e da dereita dura déronlle pulo á mellora do voto do PSOE”
A estatalización da campaña e o medo a un goberno da extrema dereita e da dereita dura déronlle pulo á mellora do voto do PSOE, no prexuízo duns mellores resultados do soberanismos catalán (fanado tamén pola campaña abstencionista de milleiros de indepes descontentos cos seus partidos), vasco e galego.
Mais en último de contas os resultados electorais amosan o que moitos non ven: que a cidadanía que vota (que votamos) por forzas soberanistas elixe deputado/as en pé de igualdade e que estes representantes, nun sistema parlamentario, xogan na conformación das maiorías de investidura e de goberno ao mesmo nivel das representacións das forzas unionistas. É dicir, que constitúen para cadanseus países e territorios un voto ben útil. E, sobre todo, lembran continuamente a existencia dunha plurinacionalidade adoito negada e nunca ben resolta.
Dependerán desta vez as esquerdas españolas que só lles da para sumar con acordos coas forzas soberanistas? Ou seguirán a asumir o marco mental das dereitas españolas? Velaí a chave desta lexislatura que comeza.