Gondomar | O 26 de xaneiro do ano 2008 naceu formalmente Espazo Lectura, aínda que dous anos antes xa comezara a traballar no fomento da lectura en Gondomar coas sesións de contacontos do Contomar, a actividade fundacional da asociación.
Durante estes 10 anos conseguimos crear unha comunidade lectora en Gondomar que comparte libros e lecturas, pero tamén multitude de vivencias de carácter social e afectivo. Hoxe, o día do décimo aniversario, só queremos dar as grazas:
Grazas aos socios e socias que forman parte e son o piar deste ilusionante proxecto.
Grazas ás entidades socias protectoras –editoriais, centros de ensino, librerías, compañías de teatro–, porque sen a súa colaboración Espazo Lectura non sería posible.
Grazas a todas as persoas que participaron ou están a participar nas diferentes activides.
E grazas, un GRAZAS maiúsculo, aos cerca de 40 voluntarias e voluntarios pola lectura que, de xeito totalmente desinteresado coordinan clubs de lectura para todas as idades, organizan sesións de dinamización lectora na Casa da Lectura, actividades de formación, elaboración de materiais e moitas outras tarefas que fan posible un proxecto que demostra que se pode vivir a lectura como algo individual e silencioso, pero tamén como unha actividade socializadora e compartida.
GRAZAS!