A XVIII Asemblea Nacional do BNG realizada o 1º de decembro en Santiago de Compostela confirmou o indiscutible liderado de Ana Pontón Mondelo (Sarria, 1977) como portavoz nacional co 84,1% dos votos; unha nova reelección desde que asumiu este cargo por primeira vez en 2016. Con ela ao fronte, o BNG alcanzou en febrero pasado o seu mellor resultado histórico en eleccións autonómicas (25 deputados) Pontón analiza o novo contexto que se abre a partir de agora co foco nos comicios municipais (2027) e autonómicos (2028)
Consolida o seu liderado no BNG. Nesta nova etapa, cales serán as prioridades e como prevé serán a partir de agora os equilibrios políticos internos?
Desta Asemblea sae un BNG máis forte e máis preparado coa vista posta en liderar Galiza en 2028 para darlle os galegos e ás galegas unha vida mellor. Temos tres anos para conseguilo e estou segura que poderemos dicir que o gran éxito que acadaremos foi froito desta asemblea. Se queremos poñer en marcha as grandes transformacións que o noso País precisa, non hai tarefa máis urxente nin máis necesaria que acabar co réxime absolutista do PP e conseguir que o nacionalismo galego lidere un goberno da Xunta leal con Galiza, que poña por diante os intereses dos galegos e galegas.
Na asemblea toda a militancia debatemos, votamos e eliximos e agora toca traballar todos a unha, como levamos facendo estes anos, demostrando que aquí está un BNG imparable, con máis forza e ganas que nunca para poñer en marcha a mellor Galiza.
“Non hai tarefa máis urxente nin máis necesaria que acabar co réxime absolutista do PP”
No seu discurso durante a Asemblea Nacional falou dun “novo estatuto político para Galicia”. Que peso terá o soberanismo nesta nova etapa?
Defendemos un novo status político que nos recoñeza como o que somos: unha nación. Galiza debe ter un autogoberno real, capacidade para decidir desde aquí todas as cuestións que son importantes para o noso País.
Queremos, por exemplo, ter a chave dos nosos cartos, recadar o 100% dos nosos impostos, xestionar a totalidade dos nosos recursos e aplicar unha política fiscal xusta na que se cumpran principios básicos como o de que pague máis que máis ten, fronte a un PP que non deixa de facer agasallos fiscais aos máis ricos, mentres recorta en servizos públicos. Hoxe, o Estado fai caixa con Galiza, por iso queremos darlle a volta ao modelo, ser Galiza quen recade e xestione, establecendo as prioridades de investimento e gasto acorde coas necesidades dos galegos e das galegas. Para conseguilo, temos que seguir agrandando o BNG, coa man tendida, consolidando o apoio social e electoral, disputarlle a hexemonía ao PP e liderar o País. Está é o gran reto que temos por diante.
“Queremos darlle a volta ao modelo, ser Galiza quen recade e xestione”
Tamén está o contexto político estatal. Cales serán as “liñas vermellas” do BNG co respecto á coalición de goberno con Pedro Sánchez?
O BNG ten un acordo de investidura co PSOE que permitiu grandes logros para Galiza; por exemplo, descontos histórico nas peaxes da AP9; o dragado da Ría do Burgo ou a electrificación da liña ferroviaria entre Lugo e Ourense. Logramos tamén garantir que Galiza vai ter o mesmo trato que calquera outra Comunidade Autónoma na reducción da débeda pública, o que permitirá aforrar miles de millóns de euros. Cun só deputado logramos máis que todos os deputados e as deputadas das forzas estatais xuntas que están no Congreso ás ordes do que lles digan os seus xefes de Madrid e que non conseguiron nada para Galiza; ao contrario, temos a Rueda negándose a aceptar a quita da débeda simplemente porque llo di o PP de Madrid, aínda que iso supoña prexudicar os intereses dos e das galegas.
Desde o BNG temos a máxima disposición a seguir dialogando co Goberno de Sánchez para que haxa unha alternativa á dereita de ganchete coa extrema dereita, que sería nefasta para este País. Pero o que debe saber Sánchez é que en ningún caso permitiremos que se discrimine a Galiza: con Galiza todo, sen Galiza nada.
Municipais 2027 e Autonómicas 2028. Vese como a primeira muller en presidir a Xunta de Galicia?
O gran obxectivo que o BNG ten por diante é liderar Galiza en 2028, e imos traballar todos e todas a unha, sen escatimar esforzos, para conseguilo. Con humildade pero tamén coa máxima ambición, a ambición sen límites que nos dá o amor e o orgullo que sentimos por este País.
En 2016 alcanzou o liderado como portavoz nacional. Nestes oito anos ao fronte da directiva nacional, que destacaría como o máis importante na evolución electoral e política do BNG?
Cando en febreiro de 2016 asumín a responsabilidade de ser portavoz nacional, a situación do BNG era de extrema dificultade, mesmo había quen prognosticaba a desaparición electoral da nosa forza política. Pero apenas oito anos despois estamos no mellor momento da nosa historia e somos a única alternativa real ao PP; un avance espectacular que é un éxito colectivo, froito da decisión colectiva de poñer en marcha unha liña política clara e actualizada, unha maneira diferente de facer política, firme pero amábel, empatizando coas aspiracións e preocupacións da cidadanía, que nos está permitindo chegar a máis sectores da sociedade galega.
“O BNG está no mellor momento da súa historia”
A militancia acaba de dar un apoio masivo a seguir por ese camiño, ampliando a base social e electoral do BNG, sumando a toda esa cidadanía, cada vez máis, que quere poñer en marcha outra Galiza posible. O meu compromiso e o de toda a organización é estar á altura do que se espera de nós para abrir un tempo novo neste País.