Cadernos da viaxe
Dende o 9 do mes que andamos rexe a prohibición de pesca na Unión Europea (UE) para as artes de fondo (arrastre e artes fixas) entre os 400 e os 800 mts de profundidade en 87 zonas do Atlántico pertencentes ás Repúblicas de Irlanda, Portugal e Francia e ao Estado español. Zonas que supoñen o 17% da plataforma continental atlántica, polo que o impacto na rebaixa substancial das capturas vai ser moi potente.
Esta prohibición deriva dun Regulamento de execución aprobado pola Comisión Europea o 15 de setembro (regulamento que, xa que logo, non permite veto ningún do Estado nin está suxeito a regla de maioría ningunha), previsto nun Regulamento lexislativo de 2016 aprobado polo Consello de Ministros e o Parlamento europeo. O Regulamento de execución ía ser xa aprobado no 2018 mais demorouse até de agora. O seu principal antecedente é un informe técnico de 2017 (alicerzado en dados do 2011) do Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES).
É dicir, a Comisión Europea está a se basear en dados de hai 11 anos para adoptar unha decisión. Mais tamén adoptou unha fórmula de execución moito máis rigorosa ca as propostas polo ICES, que excluían da prohibición ao palangre de fondo, por se tratar dunha arte fixa e selectiva, de moi limitado impacto ambiental. E velaí, precisamente, o cerne da cuestión para a frota galega (uns 210 barcos entre os que faenan no Gran Sole e nos caladoiros galegos, dos que 69 teñen a súa base nos portos de Burela e Celeiro, na Mariña).
“Porque o grande impacto económico quie imos sofrir concéntrase no uso desta arte de tan limitado impacto ambiental”
Porque o grande impacto económico quie imos sofrir concéntrase no uso desta arte de tan limitado impacto ambiental. É dicir, sofrimos un grave dano económico (3.000 empregos directos e uns 18.000 indirectos) e social sen xustificación ecolóxica ningunha ou, polo menos, abonda.
Do que non se enterou a decepcionante Greenpeace por non ler nin escoitar ás nosas Adega e FEG. Velaí a forza gráfica da eurodeputada Ana Miranda (BNG) amosando na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo un aparello desta arte sostíbel, para ilustrar do seu limitado impacto ambiental.
Do dito tírase : i) o Regulamento de execución era agardado, mais nunca nos termos que se aprobou para o palangre, ii) a única solución arestora é a xudicial, que o Estado recorra perante o Tribunal de Xustiza da UE reclamando directamente a nulidade parcial do Regulamento e pedindo axiña como medida cautelar a súa suspensión desta normativa, baseándose tanto na propia falla de vixencia dos dados como dos termos favorábeis para o palangre do informe de 2017 do ICES e iii) a moi limitada importancia que o complexo mar industria ten para o Estado- e case nula para a UE-fronte á moi fulcral importancia que ten para a economía galega.