Ourense | O xornalista e escritor ourensán Xosé Manuel del Caño achégase ao berce das súas raíces literarias en Santiago de Compostela. Presenta no local da asociación Rocha Forte os libros “Un tiro para Méndez Ferrín e outras historias” e Ósos de santo”.Trátase de volumes de relatos curtos e textos diversos, baseados en situacións vividas durante as últimas catro décadas por X. M. del Caño con grandes escritores, artistas e políticos galegos.
Esto permitirá que o lector poida aproximarse á pel e ao corazón de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Xosé Luís Méndez Ferrín, Carlos Casares, José Ángel Valente, Xesús Alonso Montero, Manuel Colmeiro, Laxeiro, Manuel Prego de Oliver, Manuel María, Uxío Novoneyra, Antón Tovar, Chano Piñeiro, Pura e Dora Vázquez, Alfredo Conde, Graham Greene, Alfonso Sobrado Palomares, Carlos G. Reigosa, Isaac Díaz Pardo, Enríque Líster, Manuel Fraga e Carlos Slim, entre outros.
Carlos Delgado foi a persoa que lle abriu a porta a X. M. del Caño. Propiciou “os seus primeiros pasos literarios” nos anos oitenta, como propietario da imprenta Minerva e director de Ediciós do Cerne Minor, despois de sacar á rúa libros tan fundamentais como as primeiras edicións de “Con pólvora e magnolias” de X. L. Méndez Ferrín e “Os escuros soños de Clío” de Carlos Casares.
E tamén lle regalou un fermoso libro de “Retrincos” de Castelao, a obra máis pequena e marabillosa do autor de Rianxo, que Del Caño utilizou como referencia para escribir “Un tiro para Méndez Ferrín” e “Ósos de santo”, como aparece reflectido no primeiro volume.
Actuaron como presentadores, Carlos Delgado e a xefa de Enfermería do turno de tarde no Hospital de Santiago e escritora, Rosalía Morlán, que acaba de sacar á rúa “Cando o avó esqueceu o meu nome” (Galaxia 2023) e “Nas rúas de Compostela” (Fervenza, 2016), con 3.700 e 14.500 visualizacións, respectivamente, na páxina de Amigos do Libro Galego que dirixe del Caño.
Rosalía Morlán suliñou palabras verquidas por Vicente Araguas no prólogo de “Ósos de santo”, no que o crítico literario recoñece a Del Caño como “un dos escritores non soamente con maior capacidade de traballo de Galicia, senón dos que fan o seu choio con mairande talento e xeito”, ademáis de resaltar que tivo que “parar a lectura, morto de risa, diante dun libro tan galán e divertido”. Pola súa parte, Riveiro Coello contempla o primeiro volume como “un libro xenial, escrito por quen tivo a sorte de estar aí”, e cualifica os relatos como “ouro miúdo”.
“Un tiro para Méndez Ferrín e outras historias” ofrece un conto un tanto surrealista sobre a entrega do Premio Celanova, Casa dos Poetas a Ánxel Fole na súa casa de Lugo en 1986, no que participan Ferrín, Fole e o autor do libro, X. M. del Caño; Retrincos sen Castelao; Manuel Prego, un entrañable rosmón; Manuel Colmeiro fronte a Castelao; Manuel María e Novoneyra, amigos na distancia; paisaxe configura, Antón Tovar; A Caixa de lambetaeas de Chano Piñeiro; Carlos Casares fronte ao maleficio de marzo;Alfredo Conde, a lei do funil; José Ángel Valente, unha licencia poética; máis caldo para Xesús Alonso Montero, os uniformes de Enrique Líster e as cacerías de Manuel Fraga.
“Ósos de santo” contén textos sobre un tour gastronómico feito por Álvaro Cunqueiro e Manuel María, ate as sete da tarde, a querencia que ten Mendez Ferrín polo mundo dos insectos, espías de peto, movementos musicais en Galicia, a polémica dos seis poemas galegos de Federico García Lorca, segredos da biblioteca de Blanco Amor, o temor relixioso da Xeración Nós, un cume de poetastros, Castelao, “un home grande”, erotismo na literatura galega, o naufraxio de Os Eoas, celtas en Galicia, badaladas electorais e boinas e birretes.
En “Ósos de santo” aparecen moitos autores da literatura galega actual explicando a súa maneira de escribir, a súa técnica e as súas teimas, dun xeito desenfadado e por veces cómico. Entre eles, fan importantes revelacións Manuel Rivas, Marilar Aleixandre, Margarita Ledo, María Xosé Queizán, Berta Dávila, Fina Casalderrey, María Canosa, Xavier Alcalá, Lupe Gómez, Antón Reixa, Alfredo Conde, Antón Riveiro Coello, F. X. Fernández Naval, Ramón Caride, Claudio Rodríguez Fer, Rexina Vega, Fran Alonso, Francisco Castro, Inma López Silva, Emma Pedreira, Helena Villar, María López Sández, Luz Darriba, Rábade Paredes e Carlos G. Reigosa, entre outros.
Compostela ten un peso relevante neste libro. Aparece no relato “Ósos de santo” que lle da nome ao volume por custodiar as supostas reliquias de Santiago o Maior e dous dos seus discípulos, co que se converteu no terceiro destino de peregrinacións no mundo dende a Idade Media.
Tamén ten cabida neste apartado, unha aproximación ás reliquias das restantes diócesis galegas. Unhas con trazabilidade acreditada e outas bastante máis discutibles ou incertas. Fai referencia ao asasinato do cura de Vilanova dos Infantes, Adolfo Enríquez, e ao roubo da reliquia-non reliquia da Virxe do Cristal, que cantaron Manuel Curros Enríquez e X. L. Méndez Ferrín.
Compostela aparece de novo, como cuna do movemento da Nova Canción Galega en 1968: o grupo Voces Ceibes, con Xavier González del Valle, Vicente Araguas, Guillermo Rojo, Xerardo Moscoso e Benedicto García Villar. Logo asoman a súa cabeza outros moitos grupos e autores.
“Un tiro para Méndez Ferrín e outras historias” aporta un relato sobre o xeneral do exército soviético durante a II Guerra Mundial, da república española e do exército de Xugoslavia, o santiagués Enrique Líster (Ameneiro, Calo-Teo, Santiago de Compostela, 1907-Madrid, 1994).
Elena Domínguez Criado cantou varias melodías, acompañada con violoncello, ao comenzo e ao final do acto, que foron moi aplaudidas polo público asistente.