Ourense | Xosé Manuel del Caño presentou o seu libro “Ósos de santo”, no hotel-parador de Santo Estevo de Ribas de Sil, un libro que reproduce na portada, precisamente, o anel dun dos nove bispos santos deste convento, no chamado claustro dos bispos, onde estiveron enterrados os prelados.
Del Caño suliñou: “Este é o anel dun dos nove bispos santos que se retiraron en San Estevo, para vivir os últimos días da súa vida no mosteiro. Unha historia rodeada de misterio. Descubríronse catro aneis, durante a última restauración. Quedan por localizar cinco máis, que poden estar agochados entre as paredes deste convento, ou perdidos nas casas do entorno, concellos limítrofes e outros máis alonxados. A xente levábaos, cando tiña doentes na familia, para curar enfermos. Incluso valía, en ocasións, con aplicarlle a auga milagreira que estivera en contacto con eles.
Santo Estevo marca un fito do imaxinario popular, con trascendencia literaria. María Oruña sitúa aquí unha das súas novelas, “El bosque de los cuatro vientos”, que anticipa a descuberta dos aneis. “Ósos de santo” tamén fala deste prodixio, que tivo grande sona na provincia de Ourense, pendente aínda dun recoñecemento de Roma. Pero como di o antropólogo Manuel Mandianes Castro, “o que importa é o que a xente cre”, máis alá da autenticidade que poidan ter reliquias como as de Santiago, San Torcuato ou Santa Eufemia, dende o punto de vista científico. O fenómeno cultural, patrimonial e histórico dos diversos camiños de Santiago, “nada os fará recuar”.
“Ósos de santo” é un libro con múltiples rexistros e materias. Nun apartado, aparecen máis de vinte autores da literatura galega explicando a súa maneira de escribir, a súa técnica e as súas teimas, dun xeito desenfadado e por veces cómico. Entre eles, fan importantes revelacións Manuel Rivas, Marilar Aleixandre, Margarita Ledo, María Xosé Queizán, Berta Dávila, Fina Casalderrey, María Canosa, Xavier Alcalá, Lupe Gómez, Antón Reixa, Alfredo Conde, Antón Riveiro Coello, F. X. Fernández Naval, Ramón Caride, Claudio Rodríguez Fer, Rexina Vega, Fran Alonso, Francisco Castro, Inma López Silva, Emma Pedreira, Helena Villar, María López Sández, Luz Darriba, Rábade Paredes e Carlos G. Reigosa, entre outros. Contra o final do libro, fai referencia ao asasinato do cura de Vilanova dos Infantes (Celanova) e ao roubo da Virxe do Cristal.