O maio xa pasou. O poeta xa non ten que pagar foros porque os xuros si que os segue pagando e de que maneira. Pero o que albiscamos en lontananza son uns nubarróns escuros, sombras tenebrosas das que tiñamos noticias só polos libros, polo que aínda nos contan aqueles que resistiron o tempo. Hoxe somos testemuñas de feitos que nos din ocorreron aló polos anos 30, 40, 50 …ata os setenta e tantos do século pasado. Algúns que xa peitamos ruzas tempos ha lembramos e aínda fomos forzosos protagonistas dalgúns daqueles tenebrosos actos “rigurosamente patrióticos” como o saúdo á bandeira fascista brazo en alto.
As camadas nacidas despois do remate daquela estúpida e sangrenta guerra civil provocada polos que non estaban dispostos a soltar a sartén que tiñan polo mango dende tempos inmemoriables tivemos que perder pouco a pouco o pelo daquela dehesa fratricida que os nosos antepasados sufriron en carne viva. Somos a xeración dos que viñeron a un mundo miserento, asustado, co medo nos osos porque a outros moitos xa non lles quedaba nin sequera osos. Nestes momentos os seus deudos tentan localizalos para renderlles tributo de admiración e de cariño polos sufrimentos pasados sen ter culpa algunha encontrándose coa oposición dos descendentes daqueles que empuñaron unha pistola ou fixeron causa común cos que si a empuñaron.
Os Principios xerais do Movemento, o catecismo do Padre Astete, o canto do Cara al Sol son pequenas cousas pero profundas cousas que temos metidas nos meollos, pero nada comparado coas cousas que nos contaban os que si sufriron nas súas carnes as atrocidades cometidas contra un pobo inocente, ignorante e indefenso. As botas e os correaxes lustrados e brilantes para maior impresión nada tiñan a que ver co pobo humilde e traballador. Sen embargo foron carne de canón utilizada para que as futuras xeracións non esquenceran o que lles podería ocorrer se pretendían ser émulos dos seus antepasados. Vive Deus que o traballo que fixeron, a mormaceira sutil e tenebrosa que foron semeando nas conciencias lles está dando un bo resultado.
Nestes momentos xa non temos que lidiar cos restos daquelas persecucións con remate de morte, hoxe fano moi silandeiramente, as veces xa non tan silandeiramente, para que o persoal non se asuste e tema a un ruído de botas militares; hoxe móstranse ata cariñosos cos nenos e nenas, como bos patriotas que só queren defender a bandeira e os principios nacional-católicos que din se están perdendo. Curiosamente, tristemente mellor, as suas soflamas van facendo parroquia. Xa contan con centos de miles, tal vez millóns de españolitos que viñeron ao mundo, remedando ao poeta, e se entregan en corpo e alma para que os liberen de non sei que epidemia politica que se estende por todo o País. Delenda est Cartago versus Delenda est Sanchismo.
Estamos diante dunhas eleccións nas que se nos prantexan dous mundos inexistentes pero que, cal IA política, vai levar a unha importante masa de votantes cara unha polar que non entenden pero seguen detrás dos novos Moisés cara a esa terra prometida. Millóns de votantes van meter unha papeleta na urna sen decatarse de que nela defenden a súa “atacada identidade” sen importarlle que o que si están atacando son os seus intereses como cidadáns, como ser vivo que ten que erguerse cada mañá e preguntarse de que vai vivir o resto do día; se os seus fillos van ter un traballo digno, se as súas pensións se van mellorando ano a ano para que poida vivir delas e aínda axudar aos seus que veñen detrás e tal vez non teñan tanta sorte. Bandeiras contra alpiste; soflamas contra benestar. Esa é a disxuntiva do 23 de xullo diante dunha urna.
Podería resultar cómico se non fora tráxico pensar que tantos españois camiñan cara ao redil patriótico sen preguntarse se dentro teñen algo tan elemental como os alimentos que diariamente precisan para si e para os seus. Non importa se os Moisés que se poñen a fronte da riada humana cara as urnas cando puideron facer algo para que tiveran a nevera algo mais chea miraron para outro lado e só se preocuparon de que se fora cumprindo pouco a pouco, sen presa pero sen pausa, o obxectivo que se buscaba: que o “Delenda est sanchismo” se consumara.
Sexamos claros porque alguén podería pensar que pretendemos marear a perdiz e non dispararlle certeramente. Dentro duns días imos ás urnas. Cada día ata esa data seremos bombardeados polos portaestandartes das distintas opcións políticas que se disputan o control do País, o novo Goberno. Temos dúas opcións claras e determinadas: unha delas sería que o goberno sainte conformara de novo o goberno entrante; outra opción sería que os aspirantes, os que repiten ata a saciedade “Delenda est sanchismo” (tradución: “morra o sanchismo” rememorando a Catón el Viejo que propuña destruír Cartago), puideran conformar un novo Goberno do País.
“Non importamos nós nin as nosas pensións; non importamos nós nin as axudas para a infancia, os nosos contratos indefinidos contra aquela procesión de contratos cada semana; non importa que poidamos decidir como morrer, como e cando nacer, como e cando casarnos e con quen”
Non importamos nós nin as nosas pensións; non importamos nós nin as axudas para a infancia, os nosos contratos indefinidos contra aquela procesión de contratos cada semana; non importa que poidamos decidir como morrer, como e cando nacer, como e cando casarnos e con quen. Iso dalles igual. O importante é que temos que salvar a Patria, os ideais históricos dende o Mio Cid ou dende Covadonga. Se non fora porque estamos xogándonos o futuro de miles de mozos e mozas que ven con suma preocupación o seu futuro laboral, profesional, estudantil. Se non fora porque día a día se nos di que as novas tecnoloxias non van afectar ao emprego aínda que xa se estan dando casos de despidos masivos en empresas que antes estaban baseadas no traballo diario dos seus empregados; hoxe dispoñen de ducias de ordenadores e robots case humanos; xa falan, xa escriben, xa compoñen música; caseque que xa son medio mortais, só que non lles espera un cemiterio coma nós, senón un taller de reciclaxe para que volten outra vez mais tecnificados a substituír a man de obra humana.
Non estou contra os avances científicos, obviamente. Só comento que a velocidade imposta a estas máquinas semi-humanas vai deixando atrás a milleiros de novas camadas que non teñen tempo de poder facerlle fronte, ou polo menos, aproveitarse dos seus avances.
Pero volvamos ao conto, que diría o vello petrucio. O día 23 de xullo xogámonos o futuro para moito tempo. Aqueles que nos últimos anos votaron en contra de tódolos avances en materia económica e social que se presentaron no Parlamento do Estado están empeñados en convencernos que eles teñen a solución aos nosos problemas presentes e futuros. Votaron en contra porque non lles gustaba o sanchismo (Delenda est sanchismo).
Este grito de guerra cubre e xustifica toda a súa oposición para que a xente mellorara nos seus soldos, nas suas pensións, nos seus contratos. Realmente impresionante. Eu non soñara nunca en que ía presenciar unha actitude politica tan nefasta e tan cruel. Non estamos en guerra; non se disparan armas agás algun émulo do Cid Campeador que monado no seu cabalo branco recorre de cando en vez as terras de Castela para que non esquenzamos que aí está el coa súa espada en ristre para enfrontarse aos novos mouros que nos invaden (hoxe chámanse emigrantes)
“O triste de todo isto é que non se trata dunha remota posibilidade que aínda poidamos deter. Xa están nas institucións”
O triste de todo isto é que non se trata dunha remota posibilidade que aínda poidamos deter. Xa están nas institucións; xa obrigaron a outra forza política que se di moi democrática a que adxurara dos seus principios e asinara unhas condicións, unhas novas condicións na maneira de vivir dos cidadáns. Por qué asinaron se antes, días antes, defendían a capa e a espada que non ían aceptar eses principios xa rancios e desfasados deste momento? Moi sinxelo; queren Poder porque non poden ter Autoridade. Aínda podemos paralos para que, dende as Cortes do Estado, se aproben leis que non permitan retroceder nos avances conseguidos, porque nas autonomías en que obrigaron ao PP a pasar polo aro xa pouco se pode facer. Irán decretando novas normas que os veciños deberán sufrir e soportar.
Claro que aos populares non lles deben importar moito os dereitos cidadáns, as liberdades de expresión, de opción matrimonial, etc. Con tal de tocar PODER son quen de usar pantalóns sen cinturón. Aos feitos me remito. Tómense a liberdade de examinar con calma todo o catecismo que VOX está impoñendo en Castela A Mancha, en Valencia, en Murcia, en Extremadura, etc. Imaxínanse esta xente ocupando A Moncloa e controlando o Parlamento do Estado? Eu non quero pensalo. Resúltame difícil facerme a idea.
Disfruten mentras poidan. Despois do 23 de xullo teremos que brindar con champán ou qué, preguntaranse Vdes. Ou pedir asilo en Portugal, por exemplo.