Democracia Ourensá é o peor partido político de España, segundo o Tribunal de Contas

Ourense, o peor Concello por non cumprir a entrega de convenios asinados

Ourense | Democracia Ourensá (DO), o partido propiedade de Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense, figura no último posto, cun incumprimento total da rendición de contas, ao fallar no 100% das medidas esixidas para ser transparente para a cidadanía, sinala o Tribunal de Contas.

Así se desprende do “Informe de fiscalización do cumprimento do principio de transparencia polos partidos políticos”, para o que se analizaron as 63 formacións políticas españolas que en diferentes eleccións en 2023 e 2024 obtiveron representación no Congreso, os parlamentos autonómicos e municipios de máis de cen mil habitantes.

Segundo aclara Contas, “os partidos políticos están obrigados ao cumprimento da Lei de Transparencia, acceso á información pública e bo goberno en todo o relativo ás obrigacións de publicidade activa”. Ademais, a normativa impón que tamén teñan que publicar nas súas páxinas web as contas anuais e determinada información relativa aos créditos, subvencións e doazóns e legados.

“O Tribunal sostén que Democracia Ourensana (DO) nin sequera contestou a gran parte dos requirimentos de información para elaborar este informe”

O Tribunal sostén que Democracia Ourensana (DO) nin sequera contestou a gran parte dos requirimentos de información para elaborar este informe. DO non publica nin a normativa que lle rexe, nin retribucións, nin organigrama, nin o perfil dos seus cargos, nin doazóns individuais superiores a 25.000 euros, non conta con canle de denuncias, non informa de créditos ou préstamos, non publica a súa normativa interna, esconde as subvencións públicas recibidas, non publicou balances de contas e resultados de 2021, 2022 e 2023, carece de estatutos visibles, non ten estrutura organizativa, carece de protocolos e de delegado de transparencia. Só cumpre o criterio de ter acceso a información de transparencia en castelán (de feito é o único idioma que usa).

Concello ourensán
Indica tamén que o concello ourensán non cumpriu coa entrega dos convenios asinados en ningún dos tres últimos exercicios analizados e carece de sistema interno de información, máis dun ano despois de que fose obrigatorio, sendo o peor concello español neste apartado, ao situarse o nivel 7, nunha escala de 1 a 7.

Destaca o Tribunal de Contas que é o único municipio que tentou driblar cunha treta ao órgano fiscalizador: “Aínda cando o Concello de Ourense indicou durante os traballos de fiscalización dispoñer dun procedemento para a xestión e tramitación das comunicacións recibidas, das verificacións realizadas púxose de manifesto que o procedemento indicado correspondía ao ‘Plan de medidas antifraude’ para xestionar fondos europeos”.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.