Dende o meu outeiro.

Comezamos o ano e comezamos ben. Non podemos queixarnos. Os nosos políticos e os nosos ínclitos empresarios non deixan de darnos alegrías.

Hoxe sabemos, mañá xa será de dominio público, que a Empresa…e a empresa San José ameazaron ao director de eldiario.es con levalo ao xulgado se non destruía uns documentos aos que este xornalista tivo acceso e que tratan das falcatruadas da famosa Operación Chamartín. Un pelotazo urbanístico dos que non se teñen noticias en todo o Estado.

Menos mal que eldiario.es é de todos nós; de todos os que pagamos unha cota anual para que un cento de xornalistas poidan poñernos sobre a mesa o que pasa ao noso arredor. Sen componendas nen sometidos a presións como lles pasa aos xornalistas dos medios que atopamos nas cafeterías. A este propósito o novo Defensor do lector de EL PAIS confesaba días pasados que hoxe os xornais están dirixidos a distancia; non só os equipos redaccionais quen deciden que cousas publicar ou non; son outros poderes políticos e económicos os que mandan. Nós vimos denunciando esta submisión dos medios ao grande capital dende moitos anos atrás.

Lémbranse cando titulamos un dos nosos comentarios “Os medios de comunicación son tóxicos”?. Diciámolo daquela e repetímolo hoxe.

A cibernética supera á cinexética. Tempos atrás sabiamos dos chamados “xornalistas de raza”. Hoxe é unha especie en extinción. Quedan, como dixemos antes, os que poden escribir porque nós, miles de lectores que contribuímos á existencia de xornais libres e independentes, cooperamos co noso óbolo para que o sigan facendo. Pero nas grandes redaccións dos chamados grandes medios existe unha espada de Damocles suspendida sobre a cabeza de cada un e de todos en xeral que lle indica, parodiando ao escravo romano “pensa nos intereses de quen che paga, esquécete dos lectores que tragan todo; pensa que só es unha peza dunha maquinaria que funciona pro domo sua”.

Todos contra Venezuela. Non podía ser doutro xeito sendo o terceiro país do mundo na produción de petróleo. Trump, esa pantasma da Ópera, que os norteamericanos elixiron coma seu presidente, non podía permitir que alí ao seu carón existira alguén que non lle rendía pleitesía. Claro que Maduro (que está moi verde para gobernar tanta riqueza) llas puxo en bandexa de prata. Só tiña que apretar pouco a pouco os parafusos do desabastecemento ao País para que o Presidente Maduro puxera o resto : “morrer matando”. Así fan os novos colonizadores; só que aquí se xoga o futuro de todo un pobo que noutros tempos deu acubullo a miles de españois que fuxían dunha cruenta ditadura e hoxe ben como os nosos dirixentes lles dan ultimatos.

Aquí, no noso patio de butacas, temos aos novos Voxeiros que pretenden salvarnos dos nosos demos. Santiago Abascal subido a un cabalo coreado de andaluces semella un novo dono dun “cortijo andalú” daqueles tempos que pensabamos só se ían repetir nas películas. Pois non; son unha triste realidade. Hai que pensar que serán os novos Pavias que esgrarán no Parlamento para salvarnos dos actuais monarcas que nos dominan. Hoxe só nos falta un novo Salmeron para que repita aquilo de “xa temos exército”. Vivir para ver.

Mentres tanto os empresarios están nerviosos. Temen que Pedro Sánchez lles furte as carteiras. O do aumento do salario mínimo e a obriga de contratar en vez de disfrazar traballadores como falsos autónomos non entraba nos seus cálculos. A dereita liberal “tíñaos liberado de todo”. Con tal de que repartiran unhas faragullas xa era suficiente. Os postos de traballo aumentaban aínda que un traballador asinara media ducia de contratos cada mes. Cada cal máis precario. Ese é o destino do mundo do traballo, mentres os robots non se fagan cargo dos seus postos de traballo. Daquela xa non serán necesarios. As empresas seguirán o seu camiño de encher o peto cada vez máis e o mundo que se arranxe de seu. Claro que por ese camiño se van atopar que cando queiran vender a produción non haberá quen llela poida mercar. Logo, volta a empezar, rabaixarán os produtos; darán facilidades para mercalos e ofertarán novas modalidades de emprego para que poidan seguir pensando que son homes e mulleres libres. Se o son ou non, ese xa é outro cantar.Xa o dixo Nietzsche tempos ha, “o instinto de rabaño é anterior na evolución , á chamada a ser persoa”.

Vdes. sigan atentos ás pantallas dos seus televisores e lean con atención os titulares dos xornais que lles ofrecen nos quioscos ou nas barras das cafeterías. Aí atoparán todo o alimento suficiente para que os Grandes Poderes non teñan peneiras, non estean peocupados polos seus intereses. Seremos todos máis dóciles; estaremos placidamente drogados con esas novas verdades que pululan pola rede polos medios polas pantallas e nutren as nosas ansias de saber. Que máis podemos pedir. Seriamos desagradecidos se moredramos a man de quen nos dá de comer, aínda que o pan xa estea reseso; menos dá unha pedra.

Namentres os xornalistas de cupo seguirán esquecendo as verbas de George Orwell: “xornalismo é publicar o que alguén non quere que se publique. Todo o demais son relacións públicas”.

Que vdes. entren no novo ano con bo pé. Traten de ser felices aínda que sexa saíndo deste bucle infernal polos pequenos ocos que teñan ao seu alcance.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»