Bieito Alonso (Ourense, 1958) é licenciado en Xeografía e Historia. A Editorial Galaxia publicou recentemente o seu libro Anarquistas galegos en América. É unha investigación que o levou principalmente a Cuba, Arxentina e os Estados Unidos, onde os grupos anarquistas tiveron profusión e por iso mesmo, foron dos grupos máis perseguidos polas forzas políticas e policiais, sobre todo en EE UU.
Como lle espertou o interese polos anarquistas galegos que levaron adiante a súa actividade en América, sobre todo a comezos do século XX?
Eu xa levo desde hai tempo unha liña de traballo fundamentalmente seguindo a actividade dos mariñeiros, fogoneiros e anarquistas dentro da área de Nova York. Interesábame a emigración desas características aos EE UU. A partir de aí comezaron a aparecer vínculos entre as diferentes investigacións. Si son especialista en investigar o anarquismo, mais o que realmente me interesa son as migracións e particularmente a EE UU, que é un mundo menos coñecido. Agora empeza a haber máis referencias.
Máis referencia que os galegos en Newark?
Si, claro, porque cuantitativamente a nosa presenza foi moito menor que en Arxentina, Uruguay ou Brasil. Si é certo que hai uns feitos diferenciais como que os traballadores de alí, (Estados Unidos) se incorporan, dunha maneira ou de outra ao anarquismo. A partir de aí aparecen as conexións e o que realmente me interesa é por que se fan anarquistas na emigración. Hai xente que xa ten contacto cos movementos anarquistas, mais a maioría son persoas moi novas que non teñen unha ideoloxía definida. Interésame entón como encaixan dentro do trasnacionalismo e a constitución de redes de relación, ademais de quen son as persoas con maior relevancia.
O anarquismo foi unha das ideoloxías con máis prédicas en Galicia, encontrou explicación a isto?
A miña referencia é Tui, que é unha vila con tradición conservadora. Mais houbo movementos ata o 1936 como o anarquismo e agrarismo. Investigando este punto, detectamos a presenza dalgún emigrante que fora a América e adoptara o ideario anarquista. Isto trae a constitución dunha célula arredor dun anarquista retornado. Dentro da Galicia daquel momento, apenas industrializada, o anarquismo ofrece unha oportunidade de mobilización que non ofrece por exemplo, UGT. O reparto espacial entre CNT e UGT, responde a unhas características, como que a CNT está en determinadas vilas, sobre todo mariñeiras, porque o mundo do mar é algo que ninguén atende, por ser un mundo complexo. Tamén entra nas profesións artesanais. Aí vemos que é xente de pegada ao terreo e moi pragmática.
Houbo un esañamento contra o anarquismo tanto desde os poderes estatais como de partidos de esquerda. Isto é ou foi así?
É normal que o anarquismo crease tanta tensión. Primeiro, eu uso unha denominación xenérica, porque o anarquismo son moitos anarquismos. Mesmo entre eles tiñan claras as diferenzas entre o que era un anarcocomunista e un anarcosindicalista, porque aceptan a organización, non así un individualista. Realmente era unha ideoloxía molesta sobre todo para os movementos de esquerda, sobre todo comunistas, porque o anarquismo ataca o que é a estrutura xerarquizada. Tamén introduce algo que choca con postulados socialistas e comunistas, o excepticismo cara a acción política. As relacións entre socialistas e anarquistas tiñan algún punto en común, mais entre comunistas e anarquistas era imposible e moitas veces acaban con enfrontamentos directos.
Aplicáronse políticas represivas contra o anarquismo por igual nos países onde había galegos e galegas anarquistas?
Existían as denominadas leis de exclusión que naceron ao abeiro das reunións entre gobernos europeos, latinoamericanos e de EE UU. Son leis de inmigración mais que teñen apartados que din tal cal “expulsar elementos indesexables”. De aí veñen deportacións, mais a maioría dos deportados regresaban clandestinamente. Sobre todo en América do Sur, onde o anarquismo era máis poderoso en termos cuatitativos e cualitativos.
Cales serían os referentes galegos do anarquismo en América?
Por facer unha pequena relación. Un dos máis destacados para min, foi Luis Barcia, un señor de Ribadeo, aínda que nacera no País Vasco. É o primeiro anarquista de orixe galega que se manifesta como tal. O seu percorrido é moi destacable, porque está en Nova York, en Miami ou en Cuba. É como unha especie de axente de creador de sinerxías organizativas. No cono sur, hai tres persoas en Buenos Aires, Antonio Aboredo, Joaquín Ucha e José María Acha, que eran da zona de Arousa. En Uruguay está Adrián Troitiño que organizara sindicatos de panadeiros e repartidores de xornais. Tamén hai dúas mulleres importantes, unha era Juana Buela e María Collazo. Logo en Estados Unidos estaba Manuel Rei que era dunha aldea de Valdeorras, que acabou preso logo dun macroproceso.