Sanxenxo | Desde a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Sanxenxo rexeitamos todo acto violento e preocúpanos o crecente estado de crispación que se vive nos centros de saúde, particularmente en Baltar, onde cáseque todas as semanas o persoal ten que soportar, polo menos, un episodio de agresións verbais, ou como foi o caso desta semana, verbais, físicas e rotura de inmobiliario.
Cómpre lembrar que tanto o protocolo sanitario como a dotación de recursos para que a sanidade pública teña unha calidade acorde ao que os e as pacientes necesitamos é competencia e responsabilidade do Sergas (Xunta de Galicia) e da xerencia da área sanitaria correspondente, neste caso, a Xerencia da Área Sanitaria Pontevedra – O Salnés.
Tal como se ven denunciando desde hai anos, o desmantelamento da Atención Primaria, cuxo funcionamento é primordial cara unha atención persoal e cercana a os/as usuarios/as, lévase producindo durante máis dunha década.
Esta pandemia fai que salgan a relucir as debilidades dun sistema desmantelado adrede cara xustificar a súa semiprivatización.
O malestar é xeralizado, tanto do persoal sanitario como das persoas usuarias, polo que animamos a todas as persoas (sanitarios/as e usuarios/as) que poñan as súas correspondentes follas de reclamacións ante a Xerencia, o Sergas ou incluso ante o Valedor do Pobo cando cheguen ao seu centro de saúde e só atendan urxencias en horario ordinario, cando os deriven a outro centro por falta de persoal, cando lles falte o/a pediatra, ou a/o enfermeira/o, cando lles dean unha cita para dentro de 15 días, cando consideren que non recibiron a atención adecuada, etc., cara facer chegar aos responsables as queixas, pero nunca fagan uso da violencia.
Non malgastemos as forzas en enfrontarnos entre nós por moito que algúns políticos se adiquen a desprestixiar a aquelas persoas que coidan da nosa saúde con tal de botar balóns fóra e esixamos que a nosa sanidade pública sexa realmente de calidade.