Sanxenxo | O Centro de Saúde e PAC de Baltar (Sanxenxo) comezaba esta semana coa ausencia do 50% de médicos e sen enfermeiras de pediatría. Tanto a enfermeira de reforzo como a médico para desprazados, desbordadas.
Segunda semana de agosto, aumento substancial da poboación flotante do concello e os centros sanitarios (Baltar e Vilalonga) coa metade de facultativos; e a ausencia das dúas enfermeiras de pediatría, as cales non foron substituídas, igual que unha terceira plaza de enfermaría que xa leva meses sen cubrir.
Se xa comezabamos o verán cun déficit de persoal agora, en pleno mes de agosto, a situación complícase a pasos axigantados: mentras que o resto do persoal de enfermaría tenta suplir a carencia de tres das súas compañeiras, coa afluencia de persoas desprazadas, tamén teñen que botar unha man á única enfermeira “de reforzo” que teñen no PAC ao verse esta desbordada.
O traballo a realizar polo precario número de persoal do centro de saúde e PAC é desmesurable, tanto por parte dos médicos como da enfermaría, dado que se ven na obriga de facer auténticos malabares para poder cubrir a carencia de todo o persoal que falta, máis todo o que conleva o aumento de usuarios no verán.
Desde a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Sanxenxo preguntámosnos se realmente a Consellería de Sanidade é consciente do gran estrés que está sufrindo o persoal sanitario, ou do risco ao que somete aos ususarios e usuarias do sistema público de saúde coa reiterada merma de persoal, ano tras ano, co risco que supón para os pacientes, tanto foráneos como locais, o ser atendidos de forma apresurada e sen as garantías que require unha valoración adecuada dos motivos da consulta. A actual situación agrávase co cansancio e o agotamento dos traballadores, xa que inflúe na súa toma de decisións.
Tanto o persoal como os/as pacientes somos persoas, non números dun diagrama de minimización de custes; na sanidade pública, a calidade e a vida das persoas é o prioritario.