Salceda de Caselas | O Salón de Plenos do Concello de Salceda de Caselas serviu de escenario para as sinaturas das actas de expropiación, por parte da Deputación de Pontevedra, dos terreos precisos para o proxecto de mellora da seguridade viaria na EP-2503, no coñecido como “Cruce da Lomba”, na parroquia de Budiño. A actual intersección trátase dun punto negro, debido fundamentalmente á baixa visibilidade, que agora vai ver solucionado este problema. No transcurso do ano 2016 tras varias reunións técnicas entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Salceda de Caselas, estableceuse a conveniencia de mellorar dita intersección.
O proxecto incorpora a ampliación do radio de curvatura da estrada principal, así como o ancheamento do propio cruce na súa marxe oeste, para o cal se realiza a ocupación de nove parcelas privadas. O orzamento da obra ascende a un total de 115.745,01€, que correrán a cargo da Deputación Provincial de Pontevedra.
O Concello de Salceda de Caselas manifestou a súa satisfacción pola próxima realización desta obra, que solucionará un dos puntos negros máis importantes do municipio, no que se levan producido diversos accidentes, e que o Concello tiña trasladado en reiteradas ocasións á Deputación de Pontevedra, propietaria da estrada principal do cruce.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “A Deputación cumpre o compromiso adquirido con este Concello e por fin se vai solucionar un problema histórico na parroquia de Budiño. Agradecemos a boa predisposición dos propietarios/as afectados/as para conseguir levar o proxecto a cabo coa maior celeridade”.