
Deputación da Coruña | A calidade e a oferta gastronómica da provincia da Coruña centra o programa de actividades coas que a área provincial de Turismo está participando na Feira Xantar de Ourense desde hoxe ata o vindeiro domingo.
Un programa que inclúe cinco showcookings e degustacións de produtos característicos de distintos concellos da provincia, e co que a Deputación pon en valor o traballo de profesionais da cociña que están realizando unha aposta polos produtos de proximidade, pola sustentabilidade e pola calidade.
O vicepresidente e deputado da área de Turismo, Xosé Regueira, salienta nesta primeira xornada que “Xantar e o público que aquí se achega son moi importantes para atraer o turismo de proximidade ao territorio da nosa provincia, porque este é un escaparate idóneo para que a xente do país coñeza a nosa oferta gastronómica e se achegue a desfrutrala ao longo de todo o ano e contribuíndo ademais á desestacionalización”.
Neste sentido, Xosé Regueira lembrou que desde a área provincial de Turismo se está a traballar activamente para promocionar os principais puntos de interese do territorio da provincia ano e cita como exemplo a campaña ’52 fins de semana na provincia da Coruña” activa desde fai dous anos.
O programa de showcookings da Deputación abrírono esta mañá os cociñeiros Paula Martínez e Lolo Mosteiro do restaurante A Artesa da Moza Crecha de Betanzos, que comezaron coa elaboración dunha empanada galega do máis especial: presentada nun cucurucho de masa e con recheo de setas de tempada, polo e verdura da Biosfera; seguiron cun crocante de bacallau con mousse de coliflor e maionesa de allada e, de sobremesa, ofreceron as súas caracteríscias trufas de cacao e alga nori, e que denominan “Rochas do Regueiro”.

Ademais de completarse todas as prazas dispoñibles para este primeiro showcooking, tamén foi visitado pola delegación de autoridades que participaron na apertura da feira, encabezada polo vicepresidente da Xunta e conselleiro de Turismo, Alfonso Rueda. Acompañado, entre outras autoridades, polo vicepresidente da Deputación de Ourense e polo vereador de Turismo da Cámara de Maia, interesouse polas receitas que estaban a ofrecer os dous cociñeiros no stand da deputación da Coruña e participou na degustación dos pratos.
Nesta primeira xornada, ás sete da tarde, tamén está previsto o showcooking a cargo do cociñeiro Xusto Posse do restaurante Albaroque, que elaborará unha receira de bacallau ao pil pil con fabiñas de Carballo. Na xornada de mañá, dedicada especificamente á provincia da Coruña, presentarase o receitario “A mesa do noroeste. Un percorrido pola gastronomía a través da súa gastronomía” editado pola Deputación e realizado en colaboración coa Asociación Coruña Cociña.
O receitario relaciona 14 produtos da horta e do mar caracterísicos de diferentes puntos da provincia (como o tomate negro de Santiago, o requeixo da Capela ou os percebes do roncudo) con receitas elaboradas por outros tantos cociñeiros e cociñeiras. Este receitario será presentado no marco do showcooking a cargo dos cociñeiros Javi Freijeiro e Moncho Bargo do restaurante Pracer da Coruña, que elaborarán pratos incluídos no receitario.