A Coruña | O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse no seu despacho da institución provincial con representantes dos concellos de Santiago, Ordes, Oroso, Tordoia e Cerceda para impulsar a reactivación do proxecto de construción da Vía Verde, un itinerario de sendeirismo e cicloturismo de 36,5 quilómetros sobre a antiga vía do ferrocarril que unirá Compostela e Cerceda.
A esta segunda reunión para abordar o proxecto acudiron os alcaldes de Oroso, Manuel Mirás; Cerceda, José García Liñares, e Ordes, José Luis Martínez, e os concelleiros de Compostela, Xan Duro e Tordoia, Inés Santos, que trasladaron á Deputación os avances realizados para impulsar o proxecto, que xurdiu en 2008 coa idea de unir Santiago, Ordes e Oroso e ampliouse despois aos municipios de Tordoia e Cerceda.
Neste sentido, os representantes municipais informaron de que veñen de suscribir, o pasado mes de xuño, un protocolo conxunto para a transformación da antiga vía férrea “na primeira vía verde de Galicia en lonxitude” para o que solicitan a ADIF a cesión dos treitos afectados e mostran a súa disposición a asumir a xestión, promoción e mantemento da infraestrutura.
Asemade, o Concello de Santiago suscribiu o pasado abril un acordo marco de colaboración coa Fundación dos Ferrocarriles Españoles, propietaria da marca rexistrada “Vía Verde”, para a actualización e ampliación do proxecto de construción da Vía Verde, que ampliará a súa extensión dos 21,85 quilómetros do trazado orixinal (Santiago-Ordes) aos 39,5 quilómetros tras a incorporación de Tordoia e Cerceda.
O presidente provincial, Valentín González Formoso, comprometeu o apoio económico da Deputación para financiar os preto de 40.000 euros que suporá a redacción deste proxecto, dada a “importante repercusión turística e socioeconómica que terá para os cinco concellos a construción da Vía Verde”, que servirá ademais como “elemento de vertebración do territorio, facilitando a conexión entre os núcleos rurais polos que discorre”.
Formoso afirmou que os concellos implicados “están dando pasos en firme para facer que a Vía Verde sexa pronto unha realidade” e anunciou que contarán co apoio técnico e económico da Deputación para levar a cabo esta iniciativa, que coincide na súa filosfía con outras apostas da institución pola promoción da mobilidade sostible como a Rede Ciclista Metropolitana da Coruña, que enlazará cun carril bici de 78 quilómetros de extensión os cinco concellos da área da cidade herculina.
A Vía Verde Santiago-Cerceda suporá ademais unha alternativa segura para os ciclistas e sendeiristas, que evitarán circular polas marxes da estrada; así como para os peregrinos que transitan pola ruta xacobea Santiago- Coruña-Fisterra, que poderán percorrer parte da mesma atravesando espazos de gran interese medioambiental, histórico e cultural.
O proxecto
O proxecto, que será financiado pola Deputación e elaborado polos técnicos da Fundación dos Ferrocarrís Españois, terá unha lonxitude total de 36,5 quilómetros, dos que 13 corresponden a Santiago de Compostela, 7,19 a Oroso, 8,3 a Ordes, 2,48 a Tordoia e 5,5 a Cerceda.
O trazado atravesa sete túneles e tres viaductos e comprende sete estacións: A Sionlla, Berdia, Oroso-Vilacid, Garga-Trasmonte, Ordes-Pontraga, apeadoiro de Gorgullos-Tordoia e Queixas-Londoño. O prazo para a redacción do proxecto é de seis meses.