Deputación da Coruña celebra o seu bicentenario

Desvelando a historia da súa creación

Deputación da Coruña | A Deputación da Coruña celebra o seu bicentenario dando a coñecer, a través dunha nova entrega do seu ‘Documento do mes’, a historia do nacemento das catro provincias galegas, aprobado por un Decreto do 27 de xaneiro de 1822.

Os textos desvelados polo Arquivo Provincial transpórtannos ao ano 1822, cando “un decreto revolucionario reestrutura Galicia cun novo módulo homoxéneo de participación. Unha unidade de división territorial intermedia que, en palabras de González Mariñas, faise histórica co tempo”.

O documento deste mes de febreiro destaca a importancia das deputacións para o coñecemento do Trienio Liberal, posto que toda a vida local, política, económica e social discorría a través delas. Este sistema de administración territorial pluriprovincial convértese na bandeira do progresismo durante o século XIX.

É por mor do decreto do 8 de marzo de 1822 que se designan os xefes políticos das catro provincias galegas, sendo Antonio Loriga o da Coruña. Isto marcaba o fin da Deputación Provincial única e o nacemento das catro deputacións coas que agora conta Galicia.

En maio dese ano convócanse eleccións para os deputados e vanse configurando as novas institucións, quedando a da Coruña constituída o 1 de xuño, sendo Loriga o primeiro presidente provincial, xefe político do baluarte liberal coruñés. No seu discurso, do que se recollen pequenos estractos, destaca como principais preocupacións a atribución dos concellos e os límites da provincia.

Como curiosidade sobre a vida de Loriga, o documento do Arquivo fai referencia ao seu casamento con Rosa Taboada e Mondragón, quen se converterá co tempo na man dereita de Juana de Vega á fronte da Asociación de Señoras da Beneficencia da Coruña.

A través desta nova entrega do ‘Documento do mes’, o ente provincial continúa visibilizando o traballo de dixitalización do Arquivo Provincial, de importante valor como parte do patrimonio cultural galego, fonte de información e memoria  das sociedades pasadas. As publicacións están comentadas pola historiadora e directora do Arquivo Provincial, Carmen Molina.

Ligazón ao ‘Documento do mes’ de febreiro do Arquivo da Deputación da Coruña:
https://www.dacoruna.gal/files/9216/4372/2254/Documento_febreiro_Domingo.pdf