Deputación da Coruña | O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe en pleno unha declaración institucional condenando expresamente a agresión de Rusia a Ucraína e solicitando a retirada das tropas rusas do seu territorio e o respecto ao dereito internacional.
O texto, asinado por todos os grupos da corporación provincial, lembra que a invasión da República Popular de Ucraína iniciada onte por parte das tropas rusas é “unha agresión a un país soberano” e alerta de que “se non se detén, pode desembocar nunha traxedia humanitaria na zona e en Europa”.
Por iso, a Deputación da Coruña “condena a agresión de Rusia a Ucraína” e amosa a súa “total solidariedade co pobo ucraíno”.
Ademais, pide “o inmediato alto ao fogo e a retirada das tropas rusas do seu territorio”, “o respecto ao dereito internacional, aos dereitos humanos e aos Acordos de Minsk” e chama “a traballar pola resolución do conflito no marco da ONU e da OSCE” e ao “retorno á vía diplomática como única fórmula para resolver as diferenzas para acadar acordos de paz duradeiros”.