Deputación da Coruña | A Deputación da Coruña convoca o Premio de “Boas Prácticas en Servizos Sociais”, un recoñecemento ás entidades e persoas que traballan no eido social e na protección dos colectivos máis vulnerables.
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe das bases deste novo certame, que premiará o labor realizado por entidades sen ánimo de lucro da provincia da Coruña, e das persoas que están detrás delas,a prol do benestar social das persoas, grupos e comunidades, mellorando o seu nivel de vida.
“Queremos que estes premios sexan un recoñecemento a todas aquelas entidades e persoas que cada día contribúen a mellorar a vida dos colectivos máis desfavorecidos. O seu labor é vital, sobre todo nun momento como o que estamos a vivir agora mesmo coa crise sanitaria, para que a nosa sociedade avance e sexa máis xusta”, destaca a deputada de Benestar Social da Deputación, Ana Lamas. O ente provincial apoia cada ano a máis de 250 entidades sociais a través de diferentes liñas de subvención.
Lamas explicou que as entidades que presenten os seus proxectos deberán desenvolver a súa actividade nalgunha destas áreas: familia, infancia e mocidade; persoas con diversidade funcional; persoas maiores; minorías étnicas e inmigración; drogodependencias e outros trastornos aditivos; ou situación ou risco de exclusión social.
A Deputación outorgará tres premios de 5.000 euros cada un ás mellores iniciativas, así como a entrega dunha distinción simbólica e un recoñecemento público.
O prazo para presentarse determinarase no anuncio de publicación da convocatoria deste programa no BOP a través da Base de Datos Nacional de Subvencións. As propostas deberán achegarse de xeito telemático a través da plataforma SUBTeL da Deputación.