Deputación da Coruña | A Deputación da Coruña convoca unha liña de axudas para que entidades sociais e sociosanitarias poidan adquirir vehículos para mellorar o seu equipamento e servizos. O prazo para presentar solicitudes abrirá este 7 de agosto.
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) recolle hoxe o anuncio da convocatoria que conta cun orzamento de 200.000 euros e que se dirixe a entes sen ánimo de lucro que se atopen e desenvolvan a súa actividade no territorio provincial coruñés.
“Con esta liña queremos facilitar e apoiar o labor tan esencial que levan a cabo estas asociacións que asisten a persoas problemas de mobilidade ou de avanzada idade”, indicou a deputada provincial de Benestar Social, Ana Lamas.
Os organismos interesados poderán solicitar a través destas subvencións un vehículo, entre os que figuran un furgón de carga, furgoneta de nove prazas, furgoneta de nove prazas con plataforma eléctrica para unha cadeira de rodas e chanzo eléctrico na zona da porta lateral dereita, furgoneta con plataforma eléctrica para cadeira de rodas e porta lateral esquerda ou mini bus de 18 prazas.
A presentación a estas axudas é compatible con terse presentado neste ano 2021 ás convocatorias do departamento de Servizos Sociais da Deputación.
O prazo para solicitalas abriu este 7 de agosto, e poderá realizarse ata as 14:00 horas do 30 de setembro vía telemática a través da plataforma SUBTEL da Deputación https://sede.dacoruna.gal/.
Convenio coa Casa de Acollida
A alcaldesa, Inés Rey, e o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, asinaron un convenio de colaboración, polo que este organismo provincial cofinancia con 120.000 euros a Casa de Acollida e os dous pisos de inclusión e transición á vida autónoma para mulleres que sofren violencia de xénero no Concello da Coruña.
“O organismo provincial cofinancia con 120.000 euros a Casa de Acollida e os dous pisos de inclusión e transición á vida autónoma para mulleres que sofren violencia de xénero no Concello da Coruña”
En concreto, esta partida irá destinada aos gastos de mantemento das tres infraestruturas. Para a rexedora, a cooperación institucional é fundamental de cara a mellorar a atención da muller, unha prioridade do Goberno local. Rey destacou a asistencia que se lles dá na cidade ás vítimas de violencia de machista desde que entran pola porta da Casa de Acollida soas ou acompañadas das persoas que teñen ao seu cargo até que pasan por un período de adaptación nos pisos co fin de lograr a inclusión social.
Con esta achega, a Deputación colaborará cos gastos de persoal e correntes, entre os que se inclúen produtos alimenticios, farmacéuticos, roupa ou axudas ao transporte, entre outros.
A Casa de Acollida da Coruña e os dous pisos pertencen á Rede Galega de Acollemento e supoñen un recurso de estadía temporal, atención e recuperación para as mulleres vítimas da violencia doméstica, así como para os e as menores ao seu cargo. Neste espazo, reciben apoio, información e asesoramento en materia social, xurídica e psicolóxica, así como unha orientación para a súa reinserción laboral. O servizo dá cobertura a un total de 26 mulleres, 15 na casa e once nos pisos.
Pola súa parte, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, sinalou a importancia de fortalecer estes servizos esenciais para afrontar a situación que xera esta lacra social da violencia de xénero. Ao acto tamén asistiron a concelleira de Igualdade, Yoya Neira, e a deputada María Muíño.