Deputación da Coruña | Xa está aberto o prazo para que entidades sen fins de lucro poidan presentar solicitudes para as axudas destinadas a desenvolver programas igualdade entre homes e mulleres e impulsar a loita contra a violencia de xénero.
Trátase da liña de axudas da área provincial de Igualdade para a que destina un orzamento total de 450.000 euros en 2023, cunha achega de entre 1000 de 40.000 euros euros por entidade beneficiaria. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 10 de marzo.
A institución provincial tamén abre este ano unha nova liña de axudas que completa a súas políticas de xénero. Trátase dunha partida para que as entidades que desenvolvan actividades pola igualdade e contra a violencia sexista poidan solicitar financiamento para investimento (adquisición, construción, reforma, ampliación e mellora de inmobles, equipamentos e mobiliario) non subvencionado anteriormente pola Deputación.
Neste caso, a Deputación destina un orzamento de 400.000 euros, e as axudas a conceder serán de ata un importe máximo de 28.000 euros por entidade beneficiaria. Os solicitantes teñen tamén ata o 10 de marzo para tramitar as solicitudes.
“Desde o departamento de Igualdade da Deputación”, explica a deputada María Muíño, “temos que apoiar políticas que promovan accións de empoderamento e participación social, programas de mellora da empregabilidade, actividades de fomento da igualdade entre homes e mulleres ou proxectos que incidan no eido da conciliación familiar e a responsabilidade compartida”.
“Nese sentido”, engade, “queremos seguir avanzando no noso plan de acción, que inclúe a Escola de Formación e Igualdade ou a rede de axentes pola igualdade, e para iso é imprescindible que subvencionemos programas socioeducativos ben formulados e planificados e que teñan continuidade”.
Tanto as solicitudes como o resto da tramitación destas dúas convocatorias realizaranse por vía telemática a través da plataforma SUBTEL, accesible dende a sede electrónica da Deputación.
As bases están publicadas no BOP do 31 de xaneiro e poden consultarse e descargarse nas seguintes ligazóns: bit.ly/3x0uwjd e bit.ly/3lgvbKQ.