Deputación da Coruña | A Deputación da Coruña inviste este ano 900.000 euros nos 41 municipios costeiros para financiar os servizos de limpeza de praias. A concesión provisional destas axudas recóllese no Boletín Oficial da Provincia (BOP).
Os Concellos beneficiados son: A Coruña, Laracha, Ares, Arteixo, Bergondo, Boiro, Cabana de Bergantiños, Cabanas, Camariñas, Carballo, Cariño, Carnota, Cedeira, Cee, Corcubión, Dumbria, Fene, Ferrol, Fisterra, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mañón, Miño, Mugardos, Muros, Muxía, Narón, Neda, Noia, Oleiros, Ortigueira, Outes, Paderne, Ponteceso, Pontedeume, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Sada, Valdomiño e a Pobra do Caramiñal.
A través das subvencións, o ente provincial busca apoiar aos concellos coruñeses no sostemento dos gastos de contratación do persoal que se encargará este verán da limpeza dos areais coruñeses, así como a adquisición do material necesario, vestiario ou combustible dentro do periodo comprendido entre os meses de abril e outubro (incluídos).
Segundo explicou o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, “o programa contribuirá, un ano máis, á mellora da imaxe das praias coruñesas de cara á tempada estival, e axudará tamén á creación de emprego durante os meses de verán”.
González Formoso destacou que A Coruña é a provincia española con máis quilómetros de costa e que as praias dos concellos costeiros son un dos principais atractivos turísticos.
“Deste xeito, a Deputación apoia aos concellos da provincia para que os nosos areais estean en condicións óptimas para este verán”, sinalou.