Deputación da Coruña | “A política ten que ser isto, escoitar á veciñanza, dar respostas ás demandas da xente e elaborar proxectos para transformar e construír unha provincia diferente” asegurou Carmela Silva durante a sinatura telemática do convenio coa alcaldesa de Meis, Marta Giráldez, para dar luz ao proxecto da “Mellora da seguridade viaria na EP 9402 Mosteiro-Barrantes” nun tramo de 250 metros de estrada na entrada ao pobo.
A presidenta da Deputación recordou que este convenio nace da demanda histórica da veciñanza, “que pedían solucionar unha obra mal feita, sen rematar, que tiña como consecuencia as continuas inundacións deste espazo, a creación dun auténtico lago na estrada”. Pola súa banda, a alcaldesa de Meis Marta Giráldez agradeceu á presidenta da Deputación “a súa sensibilidade para dar respostas a esta petición”, e recordou que as veciñas e veciños formularon a problemática existente na vía provincial durante unha visita da presidenta “fai un ano e hoxe estamos aquí, con esta sinatura, para darlle solución”.
O proxecto, que se levará proximamente a licitación, conta cun orzamento de 310.866 euros dos cales a Deputación achega 217.606,67 euros (o 70%) e o concello de Meis 93.260 € (o 30%). A través desta actuación vaise solucionar a problemática actual existente no acceso ao núcleo de Mosteiro, cun proxecto de mellora integral cunha plataforma de convivencia sobreelevada con zonas axardinadas e mobiliario urbano. Tamén se vai renovar o firme da vía, crear espazos para facilitar a convivencia entre peóns e vehículos e pintar e colocar sinalización horizontal e vertical.
En liñas xerais, a actuación aséntase –en palabras de Carmela Silva- “no novo modelo das vías provinciais, centrado na sustentabilidade, no cumprimento dos requisitos de mobilidade e na accesibilidade”. Neste eido o proxecto inclúe, tal e como informou a presidenta, “a canalización das pluviais, o soterramento das redes de telefonía e electricidade, a renovación de luminarias para mellorar a eficiencia enerxética a través de luces LED e a creación dunha contorna accesible e segura, ampliando o espazo para as persoas”, xa que se vai unir ao proxecto realizado na Praza de España da vila, financiado con preto de 300.000 euros procedentes do Plan de Reequilibrio e Plan Concellos da institución.