Deputación da Coruña | A Deputación da Coruña apoia á Federación Española de Surf no proxecto ‘Aprende a través do surfing’, co que 3.000 nenos e nenas da provincia se formarán na importancia dos océanos co obxectivo de crear unha cultura do surf sostible e medioambientalmente responsable.
O convenio de colaboración entre ambas entidades foi asinado esta mañá na sede provincial polo presidente provincial, Valentín González Formoso, e o vicepresidente da Federación, Román Díez.
O vicepresidente da Deputación e deputado de Turismo, Xosé Regueira, tamén estivo presente na sinatura do acordo. A través deste, a Deputación achega 20.000 euros para a iniciativa deportiva, o que supón o 48,6% do custo total, que é de 41.700 euros.
O proxecto permite concienciar e valorar á rapazada no patrimonio natural dos océanos, co obxectivo de identificar os nosos mares como recurso patrimonial e natural a través da práctica do surf.
A proposta imbuirá á mocidade os coñecementos e respecto sobre o océano, o seu valor patrimonial, natural e turístico, así como os segus perigos, fomentando, ao mesmo tempo, a afección a este deporte.
O orzamento provincial permitirá cofinanciar, ademais destas formacións, as actividades de bautismo de surfing, así como a xestión técnica, gastos xerais, xestión, comunicación ou a plataforma en liña da iniciativa.
“Nun deporte coma o surf, practicado en espazos naturais, é fundamental visibilizar a necesidade de coidar do medio, de poñer en valor a súa biodiversidade e de comprender que só así é posible practicar actividade física na contorna”, sinalou no acto de sinatura Valentín González Formoso.
O presidente provincial remarcou “a necesidade desta iniciativa nas novas xeracións, que teñen que medrar sendo coñecedores da necesidade de causar o mínimo impacto negativo na paisaxe, valor esencial para a cultura do surf”, argumentou.