Deputación da Coruña |A sede da Deputación da Coruña ilumínase durante esta semana de azul e amarelo, as cores da bandeira ucraína, para amosar o seu apoio e solidariedade co pobo de Ucraína e en sinal de condena á invasión por parte de Rusia.
O ente provincial aprobou no pleno do pasado venres unha declaración institucional co seu rexeitamento á agresión de Rusia a Ucraína e solicitando o inmediato alto ao fogo e a retirada das tropas rusas do seu territorio. No texto tamén se demandou o respecto ao dereito internacional, aos dereitos humanos e aos Acordos de Minsk.
O presidente provincial, Valentín González Formoso, sinalou a “condena unánime da corporación provincial ao ataque por parte de Rusia a Ucraína”, que supón “unha clara violación do dereito internacional” e “un ataque frontal aos principios e valores democráticos europeos”.
Formoso subliñou tamén “a unión de todas as institucións e países europeos fronte á inxustificable decisión do goberno de Putin de atacar Ucraína” e expresou a “solidaridade e apoio” da corporación co pobo ucraíno que está a sufrir a guerra.