Deputación da Coruña impulsa o concurso escolar ‘Lazos coruñeses con América Latina’

Aberto o prazo de inscricións ata o 30 de abril

Deputación da Coruña | A Deputación da Coruña abre o prazo para presentarse ao I premio de traballos de investigación escolar ‘Lazos coruñeses con América Latina’. Con este certame, o ente provincial quere contribuír a dar a coñecer a importante historia da emigración galega entre a mocidade.

O concurso vai dirixido ao alumnado dos centros escolares da provincia da Coruña, que poderán presentar as súas propostas ata o vindeiro 30 de abril.

O certame afondará na pegada da diáspora galega no mundo e nas comunidades xeradas ao outro lado do océano, así como fomentará e recuperará lazos de unión con elas. “Nos séculos XIX e XX produciuse unha emigración en masa cara países latinoamericanos con gran presenza galega”, sinalou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.

“Aínda que non contamos con números exactos de galegos emigrados, os datos apuntan a que foron arredor de 1,2 millóns”, remarcou o presidente, que destacou a importancia do certame “para que as novas xeracións estuden e coñezan a decisiva contribución da emigración galega ao desenvolvemento de Galicia e dos países que nos acolleron”, así como para “tratar de reconectar entre si as comunidades galegas dispersas polo o mundo, para que a nosa historia siga viva”.

O xurado do certame está composto pola periodista e escritora María Xosé Porteiro, a historiadora da economía María Xosé Rodríguez Galdo e a investigadora e escritora arxentina Micaela Fernández Darriba.

A Deputación promove este premio co que pretende fomentar, a través da implicación da mocidade, a recuperación dos lazos de unión, afectividade, coñecemento e colaboración coas comunidades galegas nos países de América Latina, así como analizar as consecuencias de dito movemento no territorio coruñés.

Cartaz do concurso.

Contido dos traballos
Os centros que participen na iniciativa deberán facelo a través de equipos de investigación conformados por un mínimo de cinco alumnos e alumnas e ser dirixidos por un profesor ou profesora do centro, que será o responsable do proxecto. Así pois, os traballos deberán tratar a incidencia, repercusión ou efectos que historicamente tivo a emigración na contorna xeográfica do centro educativo ou zonas de residencia das persoas que integren os grupos de investigación participantes. Tamén deberán encamiñarse cara o coñecemento de como se estableceron as comunidades nos países de destino e o impacto que tivo neles e nas propias vilas da provincia da Coruña.

As propostas presentadas deben ser orixinais e o xurado do certame valorará especialmente aqueles traballos que favorezan a posibilidade de que as comunidades poidan restablecer contacto entre os descendentes en América Latina e na provincia da Coruña.

As persoas interesadas en inscribirse poderán facelo de xeito telemático a través da plataforma SUBTeL da Deputación.

O prazo para apuntarse estará aberto ata o 30 de abril de 2022. Para máis información poderase contactar co teléfono 981 080 704 ou enviar un correo a premiolacal@dacoruna.gal.

8.500 euros en premios para a compra de material escolar
A Deputación repartirá 8.500 euros en premios, que poderán ser investidos para a compra de material escolar.

1º clasificado: 3.000 euros
2º clasificado: 2.000 euros
3º clasificado: 1.500 euros
Accésits 1 e 2: 1.000 euros cada un

O ente provincial tamén fará entrega dunha distinción simbólica e un recoñecemento público. O xurado poderá así mesmo facer unha mención honorífica a algún dos proxectos presentados pola súa calidade técnica ou pola calidade da investigación.

Toda a información nas bases publicadas no BOP.