Deputación da Coruña | O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, participou esta mañá na presentación da próxima edición ‘Galicia Fórum Gastronómico’ que terá lugar na Coruña entre o 25 e o 27 de setembro.
“Desde a Deputación xa levamos anos traballando coa filosofía de que a alianza entre turismo e gastronomía é fundamental para promocionar a marca Galiza” asegurou Xosé Regueira durante a súa intervención.
O vicepresidente fixo un somero repaso polos 20 anos de vida do Fórum Gastronómico lembrado que “durante estas dúas décadas pasamos dunha situación en que Galiza era coñecida por ter un produto de primeira calidade, contrastado e do que ninguén dubidaba, para pasar a ser unha terra dunha gastronomía de primeiro nivel”.
Un camiño, segundo Xosé Regueira “que non sería posible sen o plantel de cociñeiros e cociñeiras que están poñendo a cociña coruñesa e galega no circuíto internacional”.
Na presentación participaron os profesionais organizadores do evento, Pep Palau, Jauma von Arend e Ana Trevisani, e representantes das tres institucións públicas e apoian esta cita, Nava Castro, directora xeral de Turismo da Xunta, Juan Ignacio Borrego, concelleiro de Turismo do Concello da Coruña e o propio Xosé Regueira, vicepresidente e deputado provincial de Turismo.
Á colaboración institucional tamén se referiu Xosé Regueira asegurando que “os esforzos de tres Administracións tamén forman parte da alianza que precisa a marca turística deste país”. Tamén estaba presente unha representación de cociñeiros e cociñeiras e representantes de Estrella Galicia.
‘Galicia Fórum Gastronómico’ volve no mes de setembro, tras o parón dos anos 2020 e 2021 por mor das restricións derivadas da crise sanitaria. No último ano no que se celebrara, en 2019, contara coa participación de 250 expositores e contabilizara un total de 24.000 visitantes.
Na edición de 2022, segundo adiantou a organización, contará co espazo de exposición, cun auditorio dedicado a presentacións, un apartado dedicado a obradorios, un punto dedicado a degustacións denominado Ágora, un espazo multidisciplinar de diálogo chamado Fórmula B, e tres espazos temáticos: Craf Beer Fórum, dedicado á cervexa artesá; Wine Circus, dedicado aos viños galegos e á gastronomía líquida; e Cook Trends, que será o espazo específico do colectivo Coruña Cociña.