Deputación da Coruña promove a historia, a cultura e os sabores do Camiño Inglés

Na feira Primavera do Camiño Inglés

A Coruña | Os Xardíns de Méndez Núñez, na cidade da Coruña, acolleron durante a xornada deste sábado 22 a feira Primavera no Camiño Inglés, que volve reunir aos dezaoito concellos polos que discorre este itinerario xacobeo nun gran evento organizado pola Asociación de Concellos do Camiño e a Deputación da Coruña co obxectivo de promocionar os múltiples atractivos etnográficos, culturais, naturais e gastronómicos desta ruta, que conecta Ferrol e A Coruña con Santiago de Compostela.

Ferrol, Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, A Coruña, Culleredo, Cambre, Carral, Mesía, Ordes, Oroso e Santiago de Compostela contan con stands na feira na que exhiben a súa variada oferta turística con diferentes actividades que incluúen actuacións musicais, mostras de artesanía tradicional, showcooking en vivo e degustación de distintos produtos típicos coma a tortilla de Betanzos, as vieras da confraría de Barallobre, o pan de Neda ous os queixos do Eume, ofrecendo aos visitantes un completo percorrido gastronómico polos sabores máis característicos do Camiño.

O evento foi inaugurado esta mañá nun acto que contou coa participación do alcalde de Pontedeume, portavoz do Goberno da Deputación e presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Bernardo Fernández, o deputado responsable da promoción do Camiño Inglés, Antonio Leira Piñeiro, o concelleiro de Fomento e Promoción da Coruña, Gonzalo Castro, e a delegada provincial da Xunta, Belén Docampo, así como numerosos alcaldes e alcaldesas e outras autoridades.

O Camiño que máis crece
Bernardo Fernández destacou “a enorme proxección do Camiño Inglés a nivel nacional e internacional, con incrementos anuais de entre o 20% e 30% no número de peregrinos ano tras ano” e anunciou que nos primeiros seis meses deste 2024 xa se superaron os datos do ano Xacobeo e que “por primeira vez o número de visitantes estranxeiros supera aos nacionais”, un ranking no que destacan os procedentes de Italia, Reino Unido e Alemania.

“Isto non é froito da casualidade, é un traballo de fondo que iniciamos en 2016 para recuperar e poñer en valor este itinerario xacobeo. Entón uns 5.000 peregrinos percorrían cada ano o Camiño Inglés, o ano pasado foron máis de 35.000”, afirmou o portavoz do Goberno provincial, que subliñou que ademáis da vertente espiritual e cultural do Camiño, “supón un importante impulso económico para os concellos polos que pasa, dándolles máis vida”.

O deputado delegado da promoción do Camiño Inglés, Antonio Leira, subliñou tamén a importancia que a recuperación do Camiño Inglés ten en Reino Unido, onde xa hai máis de 500 quilómetros sinalizados para os peregrinos que inician a súa viaxe en terras británicas ou mesmo en Irlanda, onde a Deputación participou na instalación das primeiras mouteiras que indican o “Celtic Way” cara Santiago de Compostela. No acto, o impulsor da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás Franqueira, entregou un recoñecemento á doutora Penelope Johnson, da Universidade de Durham, pola súa labor de investigación histórica e impulso ao Camiño Inglés ao longo dos últimos anos deste esta institución académica británica.

 

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.