Deputación da Coruña | A deputada de Igualdade, María Muíño, acompañada da técnica de Igualdade da Deputación, Eva Ovenza, e da asesora Silvia Seixas, mantivo esta mañá unha xuntanza de traballo con entidades que traballan no campo da Igualdade no ámbito territorial da provincia. O obxectivo era o de avanzar as principais liñas de traballo do departamento provincial de cara ao vindeiro exercicio e presentar as liñas principais da campaña do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
María Muíño adiantou que para este 25N se manterá a mesma imaxe e lema que en edicións anteriores, “De Fronte” e se volverán programar unha serie de actividades tanto presenciais como online para “contribuír a poñerlle freo á violencia machista e xeral un amplo movemento social para crear conciencia de igualdade fronte ao feminicidio”. A actividades concretas da campaña faranse públicas a comezos do vindeiro mes, pero a deputada aproveitou para solicitarlle ás entidades presentes “a vosa adhesión, ao igual que en anos anteirores, co obxecto de ampliar a difusión e ir da man na loita contra a violencia machista e chegar a todos os segmentos de idade posibles e en todo o territorio”.
Convén lembrar que na edición de 2021, a campaña “De fronte” da Deputación da Coruña contara coa adhesión de 88 concellos ademais de 59 entidades de carácter social, educativo, sectorial, cultural e deportivo.
De cara a planificación do traballo conxunto entre o departamento provincial de Igualdade e as entidades da provincia para o vindeiro ano, a xuntanza centrouse na liña de axudas destinadas ao mantemento de programas de políticas de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e loita contra a violencia de xénero.
Neste sentido, María Muíño asegurou que a través desta liña “mantemos o noso apoio a entidades que estades facendo un labor de intervención, en moitos casos profesional e especializado, en ámbitos aos que as administracións non estamos chegando como deberamos”.
Apoio ás reivindicacións laborais do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar
ÇO presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, recibiu hoxe a un Flor López, Ledicia Castro e Eva Calvo, representantes das traballadoras do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar e transmitiulles o apoio da administración provincial ás súas reivindicacións de estabilidade laboral.
Formoso destacou “a importante labor que realizan estas traballadoras, que se veu magnificada durante a pandemia pero que, para os usuarios e usuarias que atenden foi, é e será sempre vital” e instou á Xunta de Galicia a que “atenda as súas peticións, que son totalmente lóxicas e que simplemente suporía equiparar a súa situación á do resto de traballadores e traballadoras públicos”.
No pleno de hoxe aprobouse tamén, co voto favorable de todos os grupos políticos agás o PP, unha moción de Marea Atlántica, emendada polo PSdeG-PSOE, en apoio ás demandas de estabilidade laboral deste colectivo.
As traballadoras do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar iniciaron unha folga que prevé estenderse durante os primeiros quince días de mes entre setembro e decembro. Loitan para que se lles valore a súa experiencia e bagaxe profesional nas prazas do Consorcio que saen a proceso de estabilización e que afectan a 1.500 profesionais xa que non se ten en conta prioritariamente e iguálase a baremación desta experiencia das profesionais do Consorcio coa das de outras administracións diferentes.
O Consorcio Galego de Igualdade e Benestar atende a unha media anual de case 20.000 persoas e familias usuarias nos seus distintos servizos: escolas infantís, centros de día, vivendas comunitarias, centros residenciais, oficinas de igualdade e benestar ou o servizo de Xantar na Casa. Tense convertido nunha das administracións con maior taxa de temporalidade, pasando esta do 90% e afectando claramente ás mulleres, xa que máis do 95% das máis de 2.000 persoas que traballan nesta entidade son mulleres.