Deputación da Coruña | O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o deputado de Emprego, José Ramón Rioboo, mantiveron hoxe unha reunión co Cluster Audiovisual Galego e con representantes dalgunhas das principais empresas do sector como Vaca Films, Portocabo, Voz Audiovisual ou Ilux, para abordar os detalles do proxecto “Ecosistema Audiovisual de Galicia”, co que a Deputación pretende situar a Galicia dentro do Hub audiovisual español a través da construción dun dos maiores estudos virtuais de España na Cidade das TIC da Coruña.
O encontro serviu para coordinar a posta en marcha desenvolvemento deste ambicioso proxecto, que suporá un investimento de 6,7 millóns de euros. “Queremos coñecer as necesidades e contar coa imprescindible implicación do cluster e do sector audiovisual, que aportan o coñecemento”, afirmou Formoso.
O presidente da Deputación definiu entre os obxectivos “axilizar ao máximo a construción do centro”, que se prevé que esté rematado para finais de 2023 na cidade das TIC e “coordinar este proxecto con outros centros de produción audiovisual do Estado, para que os recursos sean complementarios e interopreables, sacando o máximo rendemento”.
Formoso explicou que “o proxecto do Goberno de España de converter este país nun Hub de produción audiovisual a nivel europeo ten todo o sentido” pola potencia do sector e subliñou que “en Galicia, temos avanzado moito máis que a media”. “Galicia é unha referencia en produción audiovisual e con esta iniciativa, queremos incorporarnos a ese proxecto de Hub estatal, coordinándonos co resto de centros do Estado”, afirmou.
O presidente provincial destacou que este proxecto permitirá “dar saída a todo ese talento que agroma no país, de xente nova e non tan nova, de empresas que levan traballando no sector audiovisual clásico tradicional e que souberon adaptarse á nova realidade de plataformas dixitais”.
“O audiovisual é un negocio que xera máis de 4.000 empregos e fixa o talento en Galicia, polo tanto creo que o investimento feito por parte do Estado e da Deputación da Coruña, de xeito coordinado coas empresas que promoveron o proxecto, é unha aposta gañadora”, aseverou Formoso, que sinalou que “o que pretendemos é ser útiles para estas empresas, acompañalas no traxecto e ir cubrindo as necesidades das distintas etapas de consolidación do sector”.
“O audiovisual é un negocio que xera máis de 4.000 empregos e fixa o talento en Galicia”
Pola súa parte, Jorge Algora, indicou que “as empresas do sector, que levamos anos traballando en producións e que estamos facéndoo para as principais plataformas, imos ter unha ferramenta que nos distinga, que será moi potente, que servirá para atraer rodaxes a Galicia e que, sen o apoio das institucións, sería inviable”. “É unha aposta que nos destaca do resto de territorios e que servirá para trar rodaxes a Galicia. Hai potencia a nivel paisaxístico pero faltábannos esas infraestruturas diferenciais que fan que as plataformas se decidan a vir aquí a facer producións, e onde tamén teñan cabida os efectos especiais, a xeración de contidos 3D ou a animación, onde Galicia é moi potente”, explicou o presidente do Cluster.
Un investimento de 6,7 millóns de euros
Os novos e pioneiros estudos virtuais, que se situarán na Cidade das TIC da Coruña, contarán cun investimento de 6,7 millóns de euros, dos que 5 millóns de euros estarán financiados con cargo ao Plan de Recuperación do Goberno de España a través dos fondos Next Generation e 1,7 millóns de euros con fondos propios da Deputación da Coruña. Os fondos europeos para este proxecto foron tramitados polo servizo de Desenvolvemento Territorial co apoio do centro NEXT da Deputación no Concello da Capela.
O estudo permitirá crear contidos inmersivos de ficción, realidade virtual e aumentada que son de aplicación no ámbito cinematográfico, televisivo, publicitario ou dos videoxogos. Dispor dun estudo virtual dotado de ferramentas, software e equipamento evitará que as produtoras galegas teñan que desprazarse a outros territorios, como Madrid ou Barcelona, para realizar parte dos seus proxectos, ou que sigan improvisándose estudos en grandes espazos comúns sen os recursos adecuados, o que redundará nunha mellora da competitividade do audiovisual galego.
Por outra banda, a dispoñibilidade deste tipo de instalación, pioneira no territorio nacional, tamén resulta moi atractiva para outras produtoras españolas e estranxeiras que poderán aproveitar as vantaxes de aforro de custes e tempo que ofrece a produción virtual, tendo en conta que un plató virtual pode reducir ata nun 68% os custes de posproducción. O sector audiovisual experimentou nos últimos anos unha revolución global como consecuencia da transformación dixital, que mudou drasticamente a forma de produción de contidos audiovisuais. Este proxecto busca consolidar a capacidade de adaptación tecnolóxica e a resposta de Galicia a esta revolución mundial.