Deputación da Coruña | O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe por unanimidade unha declaración institucional en defensa da frota pesqueira galega, na que declara o seu “firme rexeitamento á arbitraria aprobación” do novo regulamento da Comisión Europea que veta a pesca de fondo.
Así, a institución provincial manifesta o seu apoio ao sector pesqueiro de artes de fondo e súmase ao manifesto asinado polo Consello Galego de Pesca ante a decisión da Comisión Europea de impor o peche, a partir do 9 de outubro, á pesca de fondo en 87 zonas consideradas vulnerables en Irlanda e o golfo de Cádiz, “que ten un enorme impacto económico no noso país”.
A Deputación da Coruña insta, por unha parte, ao Goberno Central a: “que manteña o rexeitamento público aos ataques que o sector de arrastre de fondo está a sufrir por parte da Comisión Europea, que defenda a importancia deste sector no conxunto do sector pesqueiro e da economía marítima europea, e que reitere ao comisario de Medio Ambiente que teña en conta as opinións do sector e os datos cuantitativos da súa representación sobre o total da frota pesqueira europea”.
Pola outra, ínstase á Xunta de Galicia a que apoie, “tanto o imprescindible recurso do Goberno de España diante da Comisión Europea, como todas aquelas medidas legais que adopten as empresas armadoras pola súa conta” e a que reitere “ao Goberno de España a urxente necesidade de solicitar á Comisión Europea que rectifique e anule ou suspenda o novo Regulamento UE 2022/1614 da Comisión polo que se determinan as zonas de pesca en augas fondas e establécese unha lista de zonas nas que se coñece a existencia de ecosistemas mariños vulnerables ou a posibilidade de que existan.