Lugo | A Deputación de Lugo presentará a nova campaña de turismo da institución provincial Provincia de Lugo. Mergúllate na maxia das súas augas o vindeiro venres, 24 de xaneiro, ás 12.00 horas no expositor de Turismo de Galicia, na Feira Internacional de Turismo (Fitur), que se celebrará en Madrid a semana que vén. Unha campaña que representa a aposta da Deputación polo turismo azul e que se enmarca no seu modelo de promoción do territorio sostible, de calidade e de experiencias.
O presidente da institución provincial, José Tomé Roca, dará a coñecer as novidades desta iniciativa baseada nos camiños que a auga propón en Lugo. Desde as rutas fluviais en catamarán polos canóns do Sil –nas que impulsa a Deputación participaron 61.500 persoas o ano pasado-, os infinitos regatos e cascadas que regan o territorio, as zonas húmidas –que a provincia ten o 40% das inventariadas en Galicia- ou os 100 quilómetros de costa que a Mariña conta fronte ao Cantábrico.
Uns recursos naturais que multiplican “ata o infinito” as propostas turísticas baseadas na natureza e no deporte e que marcan tamén a gastronomía. “Encaixando no turismo non masificado, ligado ás experiencias e o contacto coa natureza que impulsamos desde a Deputación de Lugo”, enmarcou Tomé Roca. O Presidente avanzou ademais que se presentará un vídeo promocional para amosar precisamente a importancia da auga.
Unha axenda de contacto e actos
O presidente da Deputación e a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participarán en diferentes presentacións e actos durante a celebración de Fitur 2025. Entre outros, estarán presentes nas presentacións das novidades turísticas do Concello de Lugo, a Mancomunidade de Concellos da Mariña, o consorcio de turismo da Ribeira Sacra, Expomar e outros de relevancia provincial, galega e estatal. Ademais celebrarán reunións de traballo con profesionais do sector. Na imaxe pertence á presentación dos actos da edición Fitur 2024.