Deputación de Ourense aproba as bases do VIII premio “Estatuto de Autonomía de Galicia” de debuxo e redacción escolar

Co lema “A defensa da identidade de Galicia: a Xeracións Nós”

Ourense | A xunta de goberno da Deputación de Ourense, reunida esta mañá por vía telemática e baixo a presidencia de Manuel Baltar, aprobou as bases do VIII premio “Estatuto de Autonomía de Galicia” de debuxo e redacción escolar, que na presente edición terá como lema “A defensa da identidade de Galicia: a Xeracións Nós”. O acto institucional de entrega de premios -que inclúen libros, visitas ao Parlamento de Galicia e a participación en actividades culturais- celebrarase o próximo 6 de abril coincidindo co aniversario da aprobación do Estatuto galego.

No certame poderán participar os estudantes dos niveis educativos de infantil, primaria e educación especial e ensino secundario obrigatorio, bacharelato e ciclo medio de formación profesional, de centros públicos e privados da provincia de Ourense. Os traballo, sempre individuais, presentaranse segundo dúas modalidades: para os alumnos de educación infantil, primaria e educación especial, un debuxo ou traballo artístico que faga referencia ao lema da convocatoria; para os alumnos de ensino obrigatorio, bacharelato e ciclo medio de formación profesional, unha redacción sobre o Estatuto de Autonomía. O prazo de presentación dos traballos rematará ás 14.00 horas do 29 de marzo.

O xurado desta oitava edición, que fará público o seu fallo o 31 de marzo, estará presidido polo presidente da Deputación de Ourense; o vicepresidente será o deputado da Área de Cultura; como vogais actuarán un representante de cada un dos grupos políticos con representación no pleno da Deputación; e fará as veces de secretario o asesor de Política Cultural, con voz pero sen voto. Adaptación ao lema do concurso, corrección ortográfica, limpeza e coidado da presentación e orixinalidade e creatividade do traballo serán algún dos criterios que cualificación que seguirá ao xurado.

Subvencións
A xunta de goberno tamén aprobou na sesión de hoxe a concesión de subvencións por un importe total de 188.961,34 euros, distribuídos nunha achega de 77.000 euros para o Concello de Muíños con destino ao campamento xuvenil Explora e Baixa Limia Coñece Ourense de 2021, e unha subvención ao Concello de Beade por importe de 34.961,34 euros para obras de mellora de infraestruturas e equipamentos na rúa Alférez Montero e Praza de España.

Tamén se ratificou o convenio asinado co Concello de Monterrei, polo que a Deputación de Ourense concédelle 40.000 euros para a limpeza, conservación e mantemento da contorna do Castelo de Monterrei, así como tamén unha subvención á Mancomunidade de municipios da comarca de Verín para gastos de funcionamento por valor de 27.000 euros. Tamén se aprobou unha achega de 10.000 euros para a Asociación de Veciños Laxas, con destino á construción dun edificio como instalación de lecer no barrio das Curruxeiras.

A xunta de goberno aceptou ademais a proposta de modificación do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais correspondente ao Concello de San Amaro, que solicitou a substitución das obras de acondicionamento de viais en As Quintas, Lamego e estrada Las-Andrade, cun orzamento de 28.000 euros, polo único acondicionamento de viais en As Quintas e Lamego, reducindo a contía ata os 14.000 euros. Tras esta modificación, o Concello de San Amaro poderá dedicar os restantes 34.000 euros do plan provincial a acción relacionadas coa COVID-19, segundo recolle o réxime especial previsto na base 9ª do Plan Provincial para os concellos a causa da pandemia.