Ourense | A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida por vía telemática baixo a presidencia do vicepresidente Rosendo Fernández, aprobou as bases do XL Premio Blanco Amor de novela longa, dotado con 15.000 euros e no que a institución provincial conta coa colaboración da Fundación que leva o nome do escritor ourensán.
Tamén se aprobou o plan de anual de publicacións cun orzamento de 100.000 euros, o concurso para a selección de obras para a súa edición ou coedición, e achegas en materia de cooperación a concellos, entidades sociais e o programa EmpredOU por un importe superior a 104.000 euros.
Na XL edición do Premio Blanco Amor poderán participar persoas de calquera nacionalidade con novelas escritas en lingua galega e inéditas. O prazo para presentar orixinais remata o 14 de setembro, data que coincide co 121º aniversario do nacemento do escritor.
Para escoller a obra gañadora, a Deputación e a Fundación Eduardo Blanco-Amor nomearán unha comisión lectora que, composta por tres persoas de acreditada experiencia no ámbito literario, puntuará os orixinais antes de ser presentados ao xurado, que á sua vez estará integrado por cinco membros de recoñecido prestixio no ámbito da cultura galega, e que presentarán o seu fallo na segunda quincena de novembro.
A entrega do premio, dotado con 15.000 euros e unha peza escultórica, terá lugar un acto literario organizado pola Fundación Eduardo Blanco Amor o mércores 1 de decembro de 2021, data do 42º cabodano do falecemento do autor de A Esmorga.