Ourense | A corporación provincial aprobou a proposta de orzamentos da Deputación de Ourense para 2025 que alcanza a cifra de 105,1 millóns de euros, un 9,42 % máis que no presente exercicio, o que supón un aumento de 9.050.000 euros.
No proxecto económico destaca a suba do 91,76 % reflectida no capítulo de investimentos, unha partida dotada con case 9,9 M€ (9.885.921,73) e que experimenta un aumento de 4,73 M€, case o dobre que no presente ano. Cun peso do 9,41 % no cómputo global dos orzamentos, o capítulo de inversións recolle partidas como augas e medio ambiente, con 3,2 M€; vías provinciais con 4,5 M€ (neste exercicio era de 1,5 M€); 680.000 euros para o parque móbil e de maquinaria; e 756.000 para cultura e deporte.
Outro dato destacado dos orzamentos refírese á dotación íntegra do Plan CooperOU para o conxunto do próximo ano: 18 millóns de euros, dos que 10,8 proceden de transferencias correntes e o resto, 7,2 millóns de transferencias de capital.
Por capítulos, en materia de gasto corrente, bens e servizos para o funcionamento da entidade, os orzamentos terán unha partida de case 25,8 M€ (25.798.370,58 €), un 10,79 % máis e un 24,40 % sobre o total do orzamento. Compre citar os preto de 8 M€ para Medio Ambiente; 4,18 M€ en Vías e Obras, parque maquinaria e cooperación; 3,3 M€ para Cultura; 1,2 a Benestar e case 1 millón en Deportes.
Para transferencias correntes consígnanse 21,7 millóns (21.746.707,69 €), un 3,28 % máis e un peso no conxunto do orzamento do 20,69 %. Entre as partidas máis importantes figuran os 3 M€ destinados aos GES e o Consorcio contra Incendios e de Salvamento; 2,4 M€ para o Inorde; 2,3 M€ para acción social con concellos (SAF) e entidades; e 1,16 M€ para fomento do deporte, ademais dos 10,8 M€ xa citados para o Plan CooperOU. Para transferencias de capital, a totalidade dos recursos (7.240.000 €), están destinados como xa se sinalou ao Plan CooperOU.
O capítulo de persoal ten unha partida de 39,8 M€ (39.829.000 €), cun peso do 37,90 % sobre o conxunto dos orzamentos, cun aumento de 1,3 M€ (3,45 %), motivado fundamentalmente pola aplicación das actualizacións salariais dos empregados públicos aprobada polo Goberno central.