Ourense | O presidente provincial, Luís Menor, informa que entre os seus principais obxectivos de goberno figura fortalecer e consolidar a cooperación entre a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia. Unha liña de traballo que trasladará ao presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, nun próximo encontro institucional que terá lugar durante o mes de xuño, no marco das reunións que o titular da Xunta ten previsto celebrar cos presidentes das catro deputacións e cos alcaldes de Lugo e Vigo.
Menor sinala que ambas institucións teñen “pleno entendemento e compromiso” polo progreso da provincia de Ourense, recalcando a incuestionable e palpable colaboración con proxectos referentes, como o Centro Galego da Innovación da FP “Eduardo Barreiros”, o Parque Acuático de Monterrei, que tralo remate da súa primeira fase abrirá ao público o vindeiro día 20; ou a pista cuberta de atletismo de Expourense, “unha das xoias desta práctica deportiva de toda a Península Ibérica”.
O presidente da Deputación pon en valor os proxectos que están a tomar forma nos case once meses que leva Luís Menor á fronte da institución, como o protocolo para a prevención de incendios forestais dotado con 3,8 millóns de euros; o compromiso de executar conxuntamente un área de estacionamento seguro e protexido no polígono de San Cibrao; o compromiso de cesión de terreos de titularidade provincial para construír o novo centro de saúde de Mariñamansa; a cooperación para executar novas comunicacións co CHUO como o acceso rápido desde a N-525; a participación da Deputación na Axencia para a Modernización Tecnolóxica que se ubicará na provincia; ou o acordo para executar ou mellorar instalacións deportivas en diversos puntos da provincia.
Menor subliña tamén o “compromiso social” do Goberno galego coa provincia tras aprobar un investimento de máis de 10,7 millóns de euros na construción, mellora ou ampliación de 16 centros de atención a maiores noutros tantos concellos ourensáns. A data para este encontro aínda está pendente de confirmación, pero o presidente provincial sinala que será “ao longo do mes de xuño”.