Ourense | O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, xunto co alcalde de Pereiro de Aguiar, Luis Menor, e o delegado da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, participou na inauguración do proxecto “Un camiño imaxinado”, que converte á contorna do encoro de Cachamuiña nunha recreación das distintas etapas nas que se divide a Vía da Prata, entre A Pobra de Sanabria e Santiago de Compostela.
Manuel Baltar enmarcou a colaboración da Deputación na gran aposta que a institución provincial está a facer por transformar este espazo “no gran parque de ocio, natureza e deporte da área metropolitana de Ourense, un lugar de escapada para os habitantes de capital e da comarca, que ben pode ser a envexa dos máis de trinta concellos polo que discorre este camiño de peregrinación”.
“En catro quilómetros –dixo Baltar- os visitantes poderán percorrer de xeito imaxinado a Vía da Prata, que a próxima semana terá o seu protagonismo en Fitur, onde a través do Inorde imos facer unha presentación das vivencias que o visitante pode gozar ao longo deste camiño”.
O presidente provincial lembrou tamén as actuacións que a Deputación está a levar a cabo na contorna do encoro de Cachamuiña, como o proxectado Parque da Igualdade, os equipamentos para a práctica deportiva ou a ampliación das zonas de aparcamento grazas ao convenio cos comuneiros da Chaira, sen deixar de citar o futuro complexo acuático de Monterrei que se está a construír nas proximidades.
Pola súa banda, Luis Menor, agradeceu a colaboración da Deputación de Ourense neste proxecto “co que quixemos achegar ao noso concello o espírito e a promoción dos valores da Vía da Prata neste Xacobeo”, mentres que Gabriel Alén sinalou que esta iniciativa, enmarcada no programa “O teu Xacobeo” da Xunta, “pon en valor a idea dunha terra integradora e un destino hospitalario e solidario como somos nós, como é Galicia”.
“O proxecto “Un camiño imaxinado” recrea as distintas etapas da Vía da Prata entre A Pobra de Sanabria e Santiago de Compostela, a través dun percorrido de 4 quilómetros polo sendeiro que discorre á beira do encoro de Cachamuiña”
O proxecto “Un camiño imaxinado” recrea as distintas etapas da Vía da Prata entre A Pobra de Sanabria e Santiago de Compostela, a través dun percorrido de 4 quilómetros polo sendeiro que discorre á beira do encoro de Cachamuiña.
Unha cuncha de vieira, como símbolo máis representativo do Camiño de Santiago, sinaliza o inicio dunha ruta na que se distribúen nove paneis informativos, nos que persoas de recoñecida traxectoria intelectual presentan esta vía nunha linguaxe atractiva para ilustrar os recursos presentes no percorrido.
As etapas do percorrido imaxinado, atendendo tamén ás variantes que presenta esta ruta, son: A Pobra de Sanabria-Lubián (en Zamora), Lubián-A Gudiña, A Gudiña-Laza, Laza-Xunqueira de Ambía, Xunqueira de Ambía-Ourense, Ourense-San Cristovo de Cea, San Cristovo de Cea-Dozón, Dozón-Bandeira e Bandeira-Santiago de Compostela.